Servizo de asesoramento empresarial turístico da Mancomunidade Arousa Norte


A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte ofrece desde esta mércores un servizo de asesoramento empresarial dirixido aos profesionais turísticos e á hostalería dos concellos de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira.

O obxectivo deste servizo é apoiar ás empresas na implementación de medidas para o cumprimento das Guías para minimizar os efectos da Covid – 19 que foron elaboradas polo ICTE (Instituto para a Calidade Turística Española).

Este asesoramento consistirá na resolución de cuestións para a implantación das medidas nos establecementos, o acompañamento na elaboración de toda a documentación que se esixe, como é o Plan de Continxencia, así como calquera outra cuestión que poida xurdir.

Desde Arousa Norte destacan tamén que “todas aquelas empresas que xa implantaran medidas poderán solicitar unha avaliación telemática para analizar se cumpren todos os requisitos das Guías ou se hai aspectos que mellorar.”

Con este servizo a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte apostase pola potenciación dun destino seguro, na que se garante unha oferta de servizos turísticos de calidade segundo a situación que estamos a vivir.