Santiago estudará ampliar o horario das súas terrazas

A asociación Hostalería Compostela vén de reclamarlle ao concello de Santiago a ampliación do horario das terrazas, estirando unha hora máis pola noite para compensar a caída da demanda matinal. 

Trátase dunha petición transmitida a través dunha reunión telemática con varios concelleiros, e que en principio tivo boa acollida por parte do consistorio. Sindo Guinarte, concelleiro de Turismo, comprometeuse a estudar a posibilidade ""dada a situación económica na que está o sector", aínda que recordou que tamén se debe ter en conta a conciliación de intereses entre veciños e hostalería. 

Paralelamente, dende Hostalería Compostela tamén se demanda a posibilidade de instalar pequenos puntos de consumo exterior naqueles establecementos que non conten con terraza. Neste caso, o concello sostén que non pode conceder unha autorización xeralizada e terán que ser os propios locales interesados os que soliciten o permiso correspondente. 

Na xuntanza tamén se falou de distintas accións de animación en rúa de cara ao mes de xullo, cando remate o estado de alarma. Sindo Guinarte sinalou que están esperando unha proposta do sector e que, de xeito paralelo, a Concellaría de Acción Cultural está traballando neste asunto. Un tema, engadiu, que se retomará na próxima reunión, igual que o das axudas á cultura e como éstas poden repercutir na restauración e na hostalería.