Primeiro acordo de patrocinio do Xacobeo 21 asinado tras a crise covid-19


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o director de Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Rafael Prieto, asinaron un acordo de patrocinio no marco do Xacobeo 2021 polo que a empresa investirá 150.000 euros ata 2022 para accións de apoio, difusión e promoción deste evento.  Trátase do primeiro acordo asinado tras a crise sanitaria provocada pola covid-19. 

O titular de Cultura e Turismo subliñou a importancia de retomar as vías de colaboración público-privada para a posta en marcha do Xacobeo 2021, un evento que, destacou, “debe exercer como motor da recuperación económico e anímico” da economía e a sociedade galega. Neste sentido, agradeceu a implicación de Clun con esta celebración e valorou que se trata dunha mostra de que o vindeiro Ano Santo continúa suscitando interese por parte do sector privado. 

En virtude deste acordo, incluirase a marca e o logotipo do Xacobeo 2021 na publicidade da entidade. Ademais, a cooperativa adquire a condición da patrocinador oficial do vindeiro Ano Santo nas actividades deportivas, lúdicas e musicais que se celebren no marco desta celebración. O acto de sinatura tivo lugar na sede central da empresa, situada en Ponte Maceira, e nela participou tamén a vicepresidenta da cooperativa, Carmen Rodríguez. 

Segundo Román Rodríguez, Cooperativas Lácteas Unidas é “unha marca de prestixio e calidade, moi ligada a Galicia” e que representa os valores do Xacobeo 2021. “Falamos dunha empresa que é un exemplo de que se poden facer as cousas ben desde Galicia e para Galicia”, explicou. 

Implicación do sector empresarial 
O selado con Clun é o primeiro acordo de patrocinio asinado tras a crise sanitaria provocada polo coronavirus e despois de que o Goberno central atendese a petición da Xunta para ampliar as desgravacións fiscais ligadas ao próximo Ano Santo ata 2022, estendendo a súa declaración como evento declarado de excepcional interese público. 

Avánzase así no obxectivo de implicar á sociedade civil e ao sector empresarial, tanto de Galicia como do conxunto de España, na potenciación da celebración máis relevante desde o punto de vista cultural que se celebrará en Europa o próximo ano, e un dos eventos que desde a perspectiva turística mellor proxectará a nosa imaxe no mundo.