Pontevedra declara libre de fume a praia fluvial do Lérez

Foto: Diario de Pontevedra
O Concello de Pontevedra declarará a praia fluvial do Lérez "libre de fume" este verán. Así o anunciou o concelleiro de Medio Natural, Iván Pontes, nun comunicado no que xustifica que a medida responde o perigo de contaxio que supoñen os restos de saliva nas cabichas dos cigarros que se botan á area, unha acción por outra parte totalmente incívica.

O areal estreará servizo de socorrismo o próximo 27 de xuño. En paralelo a esta dotación, o Concello acondicionará o espazo fluvial para a tempada estival, consistente no balizamento perimetral na zona de baño e reforzamento da limpeza das áreas compartidas, como os baños, nos que se establecerán catro quendas de desinfección.

Os traballos de acondicionamento da praia fluvial contarán cun orzamento de 46.000 euros. Deles, 15.000 euros destinaranse á achega de 450 metros cúbicos de area por parte da empresa pontevedresa EC Casas. A posta a piques da zona incluirá unha mobilización de limpeza, a retirada de tubos rotos e un plan de desinfección global.