"Os nosos clientes están pagando calidade e soster unha economía de proximidade" Marta Galán (Beber Cercanía)

Unha vintena de cervexeiros artesanais galegos aproveitaron a corentena para unirse e crear “Beber Cercanía”, unha plataforma de venda conxunta que pretende xerar cultura cervexeira e darlle visibilidade aos pequenos produtores que a integran. Cóntanos máis Marta Galán, reponsable da marca AléAlé e unha das persoas que máis enerxía lle adicou a este novo proxecto. 

Cal é o motivo que vos levou a asociarvos e crear esta nova plataforma?

Levávamos moito tempo querendo coordinarnos as pequenas cervexerías galegas para dar a coñecer a nosa presenza e crear cultura cervexeira en canto á diversidade de estilos, á historia da cervexa… Creemos que non é algo que estea moi presente en Galicia. É un produto que se consume, pero do que non se coñecen a variedade e os estilos que ten. 

E finalmente, durante a corentena aproveitástedes para xuntarvos...

Aproveitamos para facer cousas que tiñamos pendente, como a posibilidade de aunarnos. Lanzamos un convite a todas as pequenas cervexerías galegas para formar parte da iniciativa baixo a premisa de beber cercanía, fomentar o comercio de proximidade nun contexto no que as dinámicas globalizadoras nos deron un susto. É un bo momento para poñer en valor as iniciativas baseadas no local e na proximidade. 

Polo de agora parece que a iniciativa tivo boa acollida. Acabades de chegar e xa tedes representados á unha parte moi importante dos produtores galegos. 

A verdade é que foi unha alegría, a acollida foi boa. Agora mesmo somos 19 marcas, todas iniciativas pequenas, en moitos casos autónomos aos que nos fai moita falta a visibilidade. Un dos medios máis importantes que tiñamos para difundir o que facemos son as feiras e mercados, moito a pé de rúa. Cando nos quitaron esta posibilidade quedámonos limitados á venda online, que algunhas das empresas participantes non tiñan traballada. 

Para quen estea interesado, penso que xa se poden adquirir packs de cervexas na vosa web… 

Agora temos 4 packs diferentes, todos moi variados. Inclúen dende cervexas máis neutras ou lixeiras como unha European lager ata estilos máis complexos como unha Imperial Stout, unha Witbier de trigo… Algúns están máis enfocados aos amantes das IPAs, por exemplo, outros son moi eclécticos… Temos envío a domicilio a toda España, xa saíron os primeiros pedidos. 

Agora que xa estades asociados, imaxino que poden xurdir outro tipo de iniciativas conxuntas… 

Agora estamos na etapa de lanzamento. Despois queremos dar un apoio ás cervexerías e aos clientes que xa apoian a cervexa artesá galega facendo un mapeo para que a xente saiba onde poder degustar ou probar cousas diferentes. Esperemos que sexa o comezo dunha colaboración máis permanente. Tamén temos idea de facer dentro de pouco un sorteo de merchandising

Como animariades á xente a apostar por un produto como o voso, que igual lle sae  por algo máis do que está acostumado a pagar no supermercado por unha cervexa… 

Partimos de que sae a uns 2 euros e medio cada cervexa. Tendo en conta que se trata dun produto exclusivo, que vén dun proceso artesanal no que non se empregan atallos na elaboración, con materias primas de primeira calidade, onde non se escatima en maltas ou lúpulos… Se temos en conta os custos, diría que é barato. Entendo que se comparamos con produtos a nivel comercial moi instaurados, que producen moito máis volume e igual empregan outros ingredientes ou técnicas é moi difícil competir. Tampouco o pretendemos. Creemos que son produtos moi diferentes o que podemos atopar normalmente nun supermercado e o que se pode mercar no noso espazo, onde ademais se pode dignificar e soster o traballo de xente con iniciativas de pequenas dimensións. Os nosos clientes están pagando calidade e soster unha economía de proximidade.