Os jalpóns de Cans na Bienal de Venecia de Arquitectura


A Bienal de Venecia de Arquitectura, considerada a máis importante do mundo, acollerá na vindeira edición un proxecto baseado no Festival de Cans e os seus jalpóns, que cada ano se reconvirten en espazos adicados ó cine, e que este ano prevé celebrar a súa XVII edición entre o 2 e o 5 de setembro. 

O proxecto “Cans: arquitectura de consenso”, foi desenvolvido polos arquitectos Juan Creus e Covadonga Carrasco, do prestixioso estudio arquitectónico de A Coruña CreuseCarrasco, e foi un dos 34 proxectos seleccionados entre os varios centenares de proxectos que concurriron.

Estes dous arquitectos, seguidores fieis do Festival de Cans desde as primeiras edicións e bos coñecedores dos espazos da aldea, presentaron un proxecto tentando responder á pregunta que plantea a Bienal de Venecia nesta edición: “How will we live together?” (Cómo vivir xuntos?). Os eixos centrais do traballo baséanse na idea de Cans como un proxecto que estimula a recuperación do patrimonio, explora novas formas de convivencia, e pon en valor o sentimento de colectividade como un xeito de afianzar unha base de identificación co certame.

No Pabellón Español da Bienal de Venecia, que terá lugar entre os meses de maio e novembro de 2021, explicarase o Festival de Cans desde o punto de vista da arquitectura e a transformación de espazos de uso cotiá en salas de cinema. Esta idea expoñerase a través de material gráfico, vídeos e paneis, así como un espazo adicado especificamente a un plano da aldea coas maquetas físicas deseñadas expresamente para esta exposición, realizadas polo estudio CreuseCarrasco.

Na Bienal de Venecia, entidade que organiza tamén o prestixioso festival de cinema, participan os máis recoñecidos arquitectos do mundo. Nesta selección de proxectos que terá lugar no Pabellón de España, participarán máis dun centenar de profesionais, entre os que están nomes coma o do arquitecto e activista en participación cidadán Santiago Cirujeda ou o poeta e arquitecto de profesión Joan Margarit, Premio Cervantes de Literatura.

O proxecto “Cans: arquitectura de consenso”, veu xestándose nos últimos anos, liderado por Juan Creus e Covadonga Carrasco, e coas aportacións de arquitectas e arquitectos como Miriam Núñez, Mónica Rodríguez, Barbara Mesquita, Alejandro Blanco, Iago Carro, o Colectivo Hábitat Social ou a arquitecta de Cans Noelia González, que colaboraron no mesmo.

Nos últimos anos, Juan Creus, doutor en arquitectura e profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, coordina tamén a actividade “Cans Proxecta”, na que coas súas alumnas e alumnos, explora cada ano posibilidades para reflexionar sobre os espazos da aldea e a súa paisaxe.

Unha vez conclúa esta exposición no Pabellón Español da Bienal de Venecia, o Festival de Cans contactará con diferentes institucións para intentar que o proxecto “Cans: arquitectura de consenso”, poida ter visibilidade en Galicia e expoñerse en diversas cidades, ademáis de seguir desenvolvéndose a partir de accións no propio festival.