Os alcaldes do Miño pasan á acción para esixir a apertura da fronteira

As alcaldesas e alcaldes do Miño transfronteirizo (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço) vén de acordar a súa primeira protesta simbólica conxunta, que terá lugar esta mesma semana para reclamar a "imprescindible" e "urxente" apertura dos pasos na fronteira.

As accións concretas de protesta comezarán de maneira simbólica coa presenza de alcaldesas e alcaldes e presidentes das câmaras portuguesas. Non se descartan novas mobilizacións coa implicación da cidadanía, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións de manterse a situación.

A través dunha reunión telemática os rexedores acordaron de maneira unánime que é necesario defender o territorio, ás e aos seus traballadores, empresas e as relacións da cidadanía en xeral fronte ao afogo actual. "Precisamos un balón de osíxeno", "este é un territorio seguro" ou "hai un grande dinamismo económico que a situación actual fai insostible" foron algunhas das frases que se escoitaron no encontro de concellos, no que tamén estivo presente a directiva do AECT Rio Minho.

Alcaldesas e alcaldes, independentemente da súa cor política, decidiron actuar de forma conxunta e unida fronte ao que consideran unha inxustiza no tratamento dispensado. Destacan principalmente o agravio comparativo que existe con respecto a outros territorios doutras rexións e provincias como Extremadura ou Ourense, que xa teñen abertos máis pasos.

"Vese que o Goberno autonómico de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, de que pasaron 200.000 coches polo paso de Tui durante o confinamento... a Xunta non está nin se lle espera", apuntou o director do AECT, Uxío Benítez. 

"Vemos que para o 1 de xullo hai previsión de apertura para o turismo internacional. Mentres, aquí traballadoras e traballadores teñen que estar a soportar rodeos de máis de 100 quilómetros diarios. Cremos que nos están a tratar como cidadáns de segunda", afirmou Benítez.