Os albergues privados galegos lanzan un S.O.S. á administración

A asociación Agalber, que representa  a aproximadamente un terzo dos albergues privados galegos, vén de lanzar un comunicado reclamando o apoio da administración con medidas efectivas e con dotación económica, tendo en conta que "son os establecementos con máis dificultades do sector turístico para saír desta crise" dada a súa alta dependencia do turismo nacional e internacional. 

O colectivo recorda que os peregrinos representan o 90% dos seus clientes, e que o 65% deles son estranxeiros. Ademais, o feito de ser establecementos pensados para compartir os seus espazos sitúaos nunha situación moi complexa. “Esta característica que nos define nesta crise é tamén o gran problema dos nosos establecementos". 

"Entendemos que as medidas de distanciamento social son imprescindibles para evitar o colapso da sanidade e salvar moitas vidas, e por suposto os albergues que vaian abrir están dispostos a tomar todas as medidas de prevención e desinfección que sexan necesarias, para garantir a seguridade dos nosos traballadores e dos peregrinos e turistas que aloxemos”, , “pero esta adaptación terá uns custos que moi poucos poderán asumir. Cun prezo por cama moi reducido, uns aforamentos máximos inferiores ao 50%, e unhas previsións de chegada de peregrinos moi baixas, a viabilidade económica dos albergues para os próximos meses será moito máis difícil que de calquera outro establecemento de aloxamento”.

Por iso dende Agalber reclámanlle á administración varias medidas para axudar a paliar á crise: 


- Creación dun distintivo avalado pola consellería de Turismo, similar o Clean and Safe de Portugal, que sexa gratuíto e que distinga aos establecementos que implementen os plans de continxencia

- Prestación por cesamento de actividade mentres non exista unha vacina ou tratamento para o SARS-Cov-2 para os propietarios daqueles establecementos que o soliciten por ser persoas de alto risco 

- Novas liñas de financiamento do IGAPE avaladas pola Xunta sen intermediación de sociedades de garantía mutua

- Plan de actuación no caso de que exista un positivo nalgún establecemento, con axudas económicas para a desinfección do establecemento e para o propietario durante o tempo que deba permanecer en corentena e tamén para os traballadores

- Subvencións a fondo perdido para adaptación ás novas normativas de hixiene e prevención de riscos ante a Covid-19, para a elaboración dos plans de continxencia co asesoramento de profesionais, e para a contratación de servizos e compra de equipos de higienización e desinfección específica para Covid-19

- Axudas para dixitalizar os sistemas de check-in nos albergues, que eviten o contacto cos documentos dos viaxeiros, e fágase de maneira áxil sen colas e aglomeracións na recepción dos establecementos. Tamén para a creación dunha App especializada para os albergues persoais que permita os peregrinos e outros clientes reservar con antelación e evitar a concentración da chegada en horas punta entre outras funcións

- Cursos interactivos de formación en limpeza, desinfección e prevención de contagios por Covid-19, formación profesional en linguas estranxeiras para hostalaría, de mercadotecnia e promoción online, de uso das redes sociais de empresa, de uso de ferramentas informáticas de xestión de hostalaría, de calidade e excelencia no servizo o cliente, etc.

- Campañas de promoción con posta en valor da calidade e o valor engadido que achegan os albergues á experiencia do Camiño. Apoio económico os albergues para ter unha representación acorde a súa importancia nas feiras de turismo, especialmente nas dedicadas ao Camiño.