Oleiros estrea un gran parque costeiro en Bastiagueiro que leva o nome As Trece Rosas


O Concello de Oleiros abriu ao público o novo parque costeiro de Bastiagueiro, unha gran zona verde de máis de 123.000 metros cadrados que percorre o litoral oleirense desde a praia de Bastiagueiro até o hotel Portocobo e que levará o nome de Parque das Trece Rosas, en homenaxe ás trece mulleres fusiladas polo réxime franquista o 5 de agosto de 1939 en Madrid.

O acto contou coa asistencia do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e do alcalde de Oleiros e deputado provincial, Ángel García Seoane, entre outras autoridades e representantes da sociedade oleirense.

O presidente da Deputación afirmou que Oleiros “é un referente” entre os concellos da provincia polos máis de cincuenta parques públicos cos que conta o municipio, aos que desde hoxe se suma esta gran área verde “nun entorno natural privilexiado”. 

“Hoxe quedan aquí grabados para sempre os nomes de Carmen, Martina, Blanca, Pilar, Julia, Adelina, Elena, Virtudes, Ana, Joaquina, Dionisia, Victoria e Luisa” afirmou Formoso, que considerou que dar ao parque o nome das Trece Rosas “contribuirá a que non esquezamos a historia” e a “devolver a dignidade a elas e a tantos miles de homes e mulleres que sufriron en primeira persoa a dura represión do réxime franquista e incluso pagaron coas súas vidas por defender uns ideais tan nobres coma os da xustiza e a liberdade, sobre os que se asentan os piares democráticos da España moderna”.