O turismo vai recuperando a confianza na Ribeira Sacra

Durante a pasada fin de semana as rutas en catamarán pola Ribeira Sacra que ofrece a Deputación de Lugo triplicaron a súa demanda con respecto ao fin de semana anterior, recibindo a preto de 180 pasaxeiros entre o sábado e domingo. 

Trátase dun dato que a deputada de turismo do organismo provincial, Pilar García Porto, considera moi positivo: "significa que se cumpren as nosas expectativas, e a xente vai gañando confianza e aposta por esta alternativa de lecer na natureza que ofrece a Deputación para gozar do rico patrimonio da Ribeira Sacra”.

García Porto espera que se siga producindo un incremento progresivo dos pasaxeiros nas rutas en catamarán coas que a Deputación favorece a recuperación da economía despois da etapa máis dura da pandemia, xerando un efecto multiplicador na comarca e na provincia, en termos de pernoctas e de consumo no sector hostaleiro e comercial. 

“É unha opción de natureza, lonxe de masificacións e preto da casa ao que podemos chegar en transporte individual ou colectivo. Facer unha viaxe en catamarán pódese combinar con outras múltiples ofertas de lecer que nos permiten gardar as distancias e seguir descubrindo e redescubrindo novos lugares”.

O servizo de catamaráns funciona con medidas de seguridade para minimizar o risco de contaxio da Covid-19. A Deputación prioriza a compra de billetes na web reservas.rutasembalses.es. No caso de que se deba facer in situ, é preferible que os pagamentos se fagan con tarxeta bancaria. Ademais, é obrigatorio o uso de máscaras de protección e están habilitados dispensadores de xel hidroalcólico tanto nas instalacións como nas embarcacións para que se poidan realizar desinfeccións de mans.

O persoal cumpre protocolos específicos e instalou paneis informativos para lembrar todas as medidas de seguridade. A información turística pódese descargar mediante códigos QR e a institución flexibiliza as condicións de cambio de data ou cancelación, así como para a devolución do importe do billete durante toda a temporada de viaxes.