O mosteiro de Oseira incorporarase á rede pública de albergues

O mosteiro de Santa María a Real de Oseira, un dos máis fermosos e patrimonialmente relevantes de Galicia, pasará a formar parte da rede de albergues públicos dispoñibles na Vía da Prata tras unha rehabilitación de espazos financiada pola Xunta. 

Na actualidade o mosteiro, situado en San Cristovo de Cea, xa tiña unha sala para acollida de grupos. Trátase dun espazo con problemas importantes de humidade e accesibilidade que non ten posibilidade de ventilación e iluminación natural. Para mellorar as condicións e ofrecer unha maior capacidade, o proxecto propón reconverter unha das naves abandonadas para crear un albergue de peregrinos recuperando un espazo con importante valor patrimonial.

Ademais, rehabilitarase un dos alpendres, ampliando o seu espazo, para crear o novo albergue de peregrinos. Trátase dunha construción que permitirá poñer en valor unha edificación en desuso e que contará con dormitorios, aseos e espazos comúns.

Ao remate deste proceso, o Mosteiro de Oseira contará con dúas dependencias destinadas a peregrinos plenamente integradas e conectadas por unha cuberta horizontal ofrecendo unha sensación de calma e intimidade aos visitantes nun espazo histórico próximo ao trazado xacobeo. Ademais, a proposta da Xunta reserva a idea de converter nun futuro o antigo colexio nun centro de recepción dos visitantes que acoden ao conxunto monacal.

Este proxecto enmárcase no Plan de Albergues da Xunta que aposta pola rehabilitación de edificios de valor histórico e patrimonial, como o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, e pola posta en valor das diferentes rutas de peregrinación. Trátase dunha folla de ruta que ten como obxectivo a mellora dos establecementos de acollida ao peregrino diversificando os fluxos de peregrinos e ofrecendo un servizos de calidade en todos itinerarios.