O grupo de traballo do Xacobeo aposta por un Camiño "seguro, sustentable e dixital"

Este luns celebrouse unha xuntanza do grupo de traballo para o Xacobeo 21, presidido polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e composto por un amplo número de representantes das administracións xestoras do Camiño, as asociacións de amigos, dos sectores cultural e turístico, da Igrexa ou do eido académico e investigador, entre outros. 

Un grupo que traballou durante estas últimas semanas de forma telemática para preparar a reactivación do Camiño de Santiago e redefinir o vindeiro Ano Santo, chegando á conclusión de que debemos apostar por un Camiño seguro, sustentable e con maior presenza dixital.

As recomendacións deste grupo contribuirán a actualizar e reenfocar as prioridades e necesidades do Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 no novo escenario, así como a traballar a prol da viabilidade e sustentabilidade do tecido empresarial e do mantemento do emprego vinculado ao Camiño. A adaptación ao contexto socioeconómico resultante e o deseño de novos produtos e solucións adaptadas serán outras das liñas a curto e medio prazo.

Os obxectivos prioritarios fixados nas conclusións articúlanse en catro eixos, o primeiro dos cales subliña a importancia de garantir a seguridade das persoas no Camiño, colaborando entre administracións, establecendo medidas concretas e axudas e favorecendo a saúde pública. En segundo lugar, avógase por un itinerario que potencie a comunicación, formación e información, sentando as bases da súa reactivación, co 2021 no terceiro eixo, o máis inmediato, pero cunha visión global para a próxima década no cuarto dos eixos.

As súas propostas, que se enriquecerán co traballo posto en marcha en diferentes niveis polo Goberno autonómico, están pensadas para aproveitar a oportunidade do Xacobeo 2021 como proxecto de país e con dimensión internacional, que permita axudar a reactivar a economía e o emprego non só na cultura e turismo, senón tamén noutros sectores.