O foro "Abrindo as portas" abre unha ventá de optimismo para este verán

A cuarta sesión dos encontros virtuais organizados pola Deputación de Lugo "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo" deixounos unha mensaxe positiva, con representantes de diversas asociacións turísticas coincidindo en que se comezan a animar as reservas para os meses de agosto e setembro, aínda que ven preciso establecer unha rede de cooperación público-privada para planificar a promoción na nova normalidade post-Covid-19

Xunto a á deputada de turismo, Pilar García Porto, participaron no foro a presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia, DulcineaAquín; o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor; o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o representante da Federación Galega de Turismo Rural, Francisco Xabier Almuíña, e a presidenta da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, Fátima Cachafeiro.

Todos manifestaron sentir unha actitude positiva cara a nova temporada de verán que está a piques de comezar. Consideran que agosto e setembro serán meses con boas cifras de ocupación para a provincia de Lugo e poñen o foco nas novas oportunidades que se xeran para o territorio lucense como lugar seguro e sen masificacións.

García Porto comezou a súa intervención poñendo en común os puntos de encontro que se abordaron con outros representantes do sector neste mesmo espazo de diálogo. “Para a reactivación do sector a curto e medio prazo é preciso transmitir garantías sanitarias tanto para as persoas que traballan coma para as que nos visitan, tamén a profesionalización do sector e establecer unha rede de colaboración pública-privada que axude a coordinar accións de promoción para poñer en valor a diversidade da nosa oferta turística”, subliñou. 

No caso da asociación de Vivendas Turísticas, DulcineaAquín puxo riba da mesa que a desestacionalización do turismo é un aspecto co que xa veñen traballando dende hai tempo e que permite manter a actividade durante todo o ano. “Creo que Galicia e Lugo, en particular, é unha oportunidade no panorama actual. A xente está manifestando que quere saír de viaxe e quere ir a lugares onde se garanta a saúde psicolóxica e mental, e esta provincia ten moito que achegar nese aspecto”, subliñou. Dulcinea Aquín engadiu que “temos expectativas de que podemos salvar a temporada, xullo está máis frouxo en canto a reservas por agora, pero en agosto temos case todo completo, percibimos que as estadías serán máis longas este ano e no canto de reservar por 4 ou 5 días a intención é quedar sobre 10 ou 15 días no mesmo sitio, cremos que para non ter que desprazarse”.

Na mesma liña da desestacionalización falou o xerente da Asociación de Balnearios de Galicia, Benigno Amor. “Somos o primeiro destino termal de España, traballamos todo o ano de maneira constante, pero agora levamos 3 meses pechados e vemos necesario que todas as administracións establezan colaboracións para axudar á nosa reactivación como lugar seguro. Precisamos axudas de financiación porque só abriron dous balnearios e non contamos abrir a totalidade de balnearios ata comezos de xullo”. 

Os que comezaron xa a recibir os primeiros clientes foron os aloxamentos rurais. Así o explicou Francisco Xabier Almuíña, representante da Federación Galega do Turismo Rural. “A xente vén concienciada, o turismo rural xa viña traballando cuns niveis de profesionalidade e de calidade moi bos e somos un modelo a seguir pola nosa forma de entender a forma de viaxar”, explicou. “Non só somos un lugar no que hospedarnos, achegamos un valor engadido coas experiencias, un modelo de vida tranquilo, saudable e que traballa polo desenvolvemento do rural”. Almuíña puxo o foco na dixitalización e na importancia de mellorar as conexións da rede e a formación dixital para que as reservas, os pagamentos e a comunicación coa clientela sexan máis fluídas, un aspecto que mellorará a calidade do servizo. 

José María Seijas, presidente da Federación Galega de Comercio, incidiu non só en ofrecer as garantías sanitarias, senón na relevancia de, a través delas, recuperar a confianza na cidadanía. Amosou, ademais, a súa preocupación polos negocios de proximidade que teñen mercadorías perecedoiras, coma o téxtil ou o calzado. “É estacional, os comerciantes xa o tiñan nos negocios e o ano que vén a moda é outra, temos que seguir traballando para que a sociedade se conciencie de que as vilas sen tendas perden a vida, e os comerciantes teñen que ver a venda online e as redes sociais como oportunidades, non coma desafíos”. Seijas puxo tamén o foco no período de rebaixas, un novo reto que, dixo, cómpre planificar ben para poder desenvolvelo sen problemas de aglomeracións e primando as medidas de seguridade que teñen implantadas. 

Fátima Cachafeiro, da Asociación de Profesionais do Turismo de Galicia, trasladou a capacidade do sector de adaptarse ás novas situacións. “Vemos positivismo logo de meses de incerteza, os nosos asociados están formándose para encarar esta nova etapa reforzando aqueles aspectos que son necesarios”. Ademais, trasladou o resultado dunha enquisa que realizaron entre os asociados, onde as conclusións pasaban por reforzar a colaboración, loitar contra o intrusísimo e apostar polas novas tecnoloxías, entre outras.