O comercio, a hostalería e o turismo da provincia de Lugo fórmanse en prevención e hixiénico sanitarias

A Deputación de Lugo comezou este luns a impartir un programa de formación especializada dirixido aos profesionais e negocios do comercio, a hostalería e o turismo da provincia co fin de apoialos na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. Conta con 200 participantes, que ao finalizar o plan, recibirán un diploma que os acredita como establecemento seguro.

Esta acción organizada pola Deputación forma parte da campaña EN LUGO, SI, que impulsa a institución para favorecer a reactivación dos sectores produtivos dunha maneira estable e eficaz ante a crise da Covid-19. 

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, subliña a “importancia de xerar confianza, primeiro confianza en nós mesmos, e logo dende a dirección dos establecementos trasladar esa confianza e profesionalidade á nosa clientela”. García Porto engade que “non é unha tarefa doada, pero estamos observando que os establecementos se están adaptando moi ben. Con esta formación lograrán resolver aquelas dúbidas e inquedanzas que poidan ter á hora de actuar neste novo escenario”. 

Esta acción realízase en liña a través de Internet a partir de hoxe e está pensada para apoiar ás empresas e traballadores na aplicación de medidas de prevención e hixiénico sanitarias, garantindo a comodidade e o benestar do cliente. 

O programa consta de tres módulos. O primeiro deles chámase Regreso con seguridade e está dirixido pola doutora en Medicina Alicia González Antelo e nel danse as pautas dende o punto de vista médico sobre a prevención da Covid-19 e sobre as condicións sanitarias, coidados persoais e seguridade no establecemento. O segundo titúlase Regreso con intelixencia emocional. Dirixido pola licenciada en Psicoloxía Paloma Moure, está centrado nas pautas de conduta e habilidades sobre as emocións e intelixencia para manexalas con seguridade de cara ao público. O terceiro e último bloque, Regreso e comunicación co cliente, ten como obxectivo comunicar que a actividade está rexida pola seguridade e a confianza sobre as bases da sinceridade e a honestidade. Impárteo a doutora en Comunicación Mar Castro. 

Os módulos desenvólvense con traballos con textos, guías oficiais, normativas, casos prácticos e vídeos, co fin de facer unha ensinanza amena e fluída, prestando atención naqueles aspectos máis útiles para os diferentes sectores para o que vai dirixida a formación. 

Unha vez superado o curso, a Deputación de Lugo entregará un diploma que acreditará que os negocios participantes realizaron esta formación e son, polo tanto, establecementos seguros. O plan formativo, de 20 horas de duración, está dirixido aos negocios dos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, en tanto que o Concello de Lugo xa ten o seu propio programa. 

Inscricións
Malia que o curso deu comezo hoxe luns, o prazo de inscrición queda ata mañá martes 16, ás 23:59 horas. O obxectivo é que as persoas que xa se anotaron poidan achegar a documentación que lles falta para completar o proceso de inscrición e tamén animar ás persoas que aínda non se anotaron a que teñan unha nova oportunidade para facelo. O formulario debe cumprimentarse na seguinte ligazón: https://noainnova.com/curso-en-lugo-si/.