O auditorio de Galicia recupera a actividade cunha exposición a partir do venres

O Auditorio de Galicia volverá a abrir este venres 5 de xuño, retomando a exposición"Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995", comisionada por Fausto Isorna e interrompida por mor do cese das actividades culturais durante o confinamento. 

O espazo mantén os días e horarios de visitas habituais, de martes a domingo, das 10:00 ás 14:00 horas e das 16:00 ás 20:00 horas. Non será preciso solicitar cita previa para a visita, pero controlaranse os accesos coa fin de garantir o cumprimento das medidas de seguridade. Tamén se incorporaron sinalizacións gráficas ao longo do percorrido para lembrar ás persoas visitantes manteren as distancias recomendadas. A entrada é de balde.

En palabras de Fausto Isorna, a exposición procura render homenaxe ao vinilo e ao estoxo a través dun percorrido que nos permite relacionar as súas portadas e analizar a presenza de temas recorrentes como a Catedral, Sargadelos, os gaiteiros ou o traxe galego, a paisaxe, a bandeira, reparar nos deseños máis modernos ou minimalistas, nas portadas con fotografías ou naquelas que recollen obras de pintores como Luis Seoane, Laxeiro, Joán Miró ou Picasso.

A mostra –de case 600 discos (entre LPs e sinxelos)– iníciase co disco de Joselín do ano 1955 e enceta unha viaxe por 40 anos de música que levará as e os visitantes pola evolución do noso deseño dende as primeiras portadas xenéricas ata o momento no que adquire verdadeira presenza co agromar de figuras como Pepe Barro, Xoán Piñón ou Victor Aparicio.

O comisario da mostra sitúanos tamén ante da portada do disco como elemento de arte pop pensado dende o punto de vista comercial, como obxecto para vender e chegar ao maior número de lugares. Andrés Dobarro (número un das listas do pop en España), Ana Kiro ou, en menor medida, os Tamara, ilustran a enorme difusión que se acadaba naquela altura.

A escolma non esquece referencias aos selos especializados en música galega como Xistral ou Abrente ou Ruada, a primeira discográfica totalmente galega, que representa un dos máis importantes pasos a prol dunha industria musical no noso país.

A exposición conta con fondos do arquivo da Biblioteca de Galicia e do Consello da Cultura Galega, xunto aos da Casa Museo Manuel María e as cesións de coleccionistas privados e con colaboracións puntuais da Fundación SGAE e Galicia Calidade.