Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas celebrará a súa 37ª edición


A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas confirmou hoxe a súa 37ª edición, que terá lugar na vila pontevedresa do 9 ao 18 de xullo coas actuacións de 10 compañías escénicas galegas, seis chegadas doutras procedencias e diferentes actividades de difusión e formación arredor da compoñente máis lúdica e social do teatro. 

A Mostra, organizada desde 1984 pola Asociación Cultural Xiria, cumpre deste xeito o seu encontro anual co público e faino cun aprazamento de varias semanas das súas datas habituais, coa potenciación do programa de rúa e con todas as adaptacións de espazos e protocolos requiridos no actual contexto de crise sanitaria pola covid-19. 

Así o explicou esta mañá no Auditorio Municipal de Cangas o equipo artístico e de xestión responsable do evento, nun acto no que participaron todas as institucións colaboradoras, entre elas a Xunta de Galicia, que estivo representada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. 

Na súa intervención, o director da Agadic valorou que unha actividade tan consolidada e de tan longa traxectoria como a Mostra de Cangas manteña a súa celebración e recoñeceulles aos profesionais galegos da cultura o seu compromiso e a súa capacidade. Felicitou tamén os organizadores do encontro por levar adiante unha nova edición “sen perder os trazos de identidade e de peso que este festival lle achega ao noso sistema teatral: calidade artística, defensa do teatro galego, miradas a propostas doutras procedencias, organización público-privada, implicación cidadá, apartados de formación e de creación, dinamización da economía local, ou compromiso social e coa igualdade en todos os ámbitos”. 


Estreas galegas 
A 37ª Mostra de Cangas contará con 10 espectáculos galegos, tres deles estreas absolutas: O Monte das Aras, a cargo de Teatro de Ningures; Hell Brothers, por CirKompacto; PYKA, por Cinema Sticado, e As boas actrices, pola compañía 3 (Clara Gayo, Mónica Camaño e Arantxa Villar). A estas propostas súmanse Commedia, de Contraproducións; Guerra de identidade, de DeuVe; Liberto, de Rebordelos Teatro; Só, de Xanpatito Pato; Dúas donas que bailan, de Teatro do Atlántico, e As virxes salvaxes, de Teatro do Noroeste. 

Completan a carteleira Napoleão, da lusa Companhia do Chapitô; Dolce Salato, da italiana Carpa Diem; a coprodución galego-brasileira Circo de Lume, de Asasocirco; a italo-cántabra Punto y Coma, de El Cruce; a madrileña The Pimitals, de Producciones Yllana e Primital Bross, e a vasca Tonbola, a cargo de HIKA Teatroa. 

A programación inclúe o IV Torneo de Dramaturxia, actividade na que colabora o Centro Dramático Galego e na que competirán María Lado, Roberto Salgueiro, Marta Pérez e Fernando Castro Paredes, con Esther F. Carrodeguas como condutora. 



Contexto poscovid 
A edición deste ano, que achegará novas localizacións ao aire libre para facilitar a distancia social, mantén a xornada Mulleres en Acción, que chega á súa vixésima entrega co título Fenda laboral das profesionais das artes escénicas e audiovisuais. Antes e despois da pandemia, así como diferentes actividades divulgativas, talleres, presentacións de libros, coloquios e exposicións. O contexto poscovid tamén centrará o encontro de teatro Nova Realidade, para abordar as consecuencias que nesta arte está a ter a crise sanitaria actual. 

O pregón inaugural correrá a cargo de Paula Carballeira e os dous galardóns que se outorgan serán para Quico Cadaval (XXXIV Premio Xiria ao Labor Teatral) e para Mercedes Oliveira (Premio Mulleres en Acción).