Medio Rural inviste na comercialización e promoción dos produtos galegos

A Xunta destinará un total de 10.250.000 euros ao eixo da promoción, comercialización e internacionalización dos produtos galegos dentro do Plan de reactivación e dinamización que impulsa a Consellería do Medio Rural para facer fronte á crise provocada pola covid-19 nos sectores primarios da nosa comunidade. A iniciativa presta unha especial atención á calidade como panca para mellorar a comercialización dos produtos agroalimentarios galegos, así como a competitividade xeral dos sectores primarios. 

Entre as medidas a aplicar avanzadas por Medio Rural destaca a potenciación da marca Galicia Calidade como un selo que englobe, identifique e mellore o posicionamento dos produtos do sector primario, tanto os que contan con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida como os derivados das razas gandeiras autóctonas, os que contan co selo de artesanía alimentaria, os amparados por Galega 100% ou os de pescadeRías. 

Segundo avanzou o conselleiro José González está prevista a creación de mercados singulares en localizacións emblemáticas das catro provincias, para prestixiar e poñer en valor as nosas producións agroalimentarias. Farase mediante o deseño de stands innovadores que actuarán como polo de atracción de visitantes e turistas e contribuirán á dinamización socioeconómica dos territorios, sempre cunha vinculación dos produtos á marca Galicia Calidade. 

No eido da promoción desevolverase unha campaña de difusión dos produtos agroalimentarios galegos fóra da nosa comunidade, tanto en puntos de venta físicos como dixitais, con promoción en punto de venda e publicidade en medios. 

Contémplase, así mesmo, a creación dunha plataforma dixital para a comercialización destas producións, como ferramenta de venda on line que agrupe a diversos produtores para acadar tamaños mínimos de oferta, acompañado de asesoramento na xestión. Esta iniciativa reforzarase cunha liña de apoio para que as empresas agroalimentarias se adhiran a plataformas dixitais como canles adicionais de venda, atención ao cliente e marketing dixital. 

O Plan de Medio Rural conta cun orzamento total que supera os 165 millóns de euros e forma parte da planificación da Xunta para fomentar a reactivación económica trala pandemia. Estrutúrase en cinco eixos de actuación, que van dende a promoción, a comercialización e a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos ata a sostibilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal, pasando polo reforzo da resiliencia do territorio rural, a formación, innovación e dixitalización e a simplificación e flexibilización administrativa. 

A iniciativa ten tres obxectivos centrais: fortalecer a competitividade dos sectores produtivos do rural galego no contexto da crise da covid-19, impulsar a promoción e comercialización cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións e reforzar e poñer en valor o labor dos sectores agrogandeiro e forestal no mantemento da vida e da paisaxe rural.