Medio Rural destina 165 millóns de euros a reactivación do sector agro gandeiro

A Consellería do Medio Rural investirá 165 millóns de euros no seu Plan de reactivación e dinamización para facer fronte á crise provocada pola covid-19, dos cales 24 millóns de euros serán para axudas directas a produtores e pemes afectados por esta situación. Serán dun importe máximo de ata 7.000 euros por produtor e de ata 50.000 euros por peme, segundo explicou o conselleiro José González, quen lle pediu aos integrantes do Consello Agrario, que “nos trasladen cales son eses sectores máis afectados”.

O Plan de reactivación e dinamización contempla tres grandes obxectivos. En primeiro lugar, o de fortalecer a competitividade dos sectores produtivos do rural galego no contexto da emerxencia sanitaria. En segundo termo, impulsar a promoción e comercialización cunha estratexia de diferenciación baseada na calidade e na diversidade das producións e, por último, reforzar e poñer en valor o labor dos sectores agrogandeiro e forestal no mantemento da vida e da paisaxe rural. 

Este plan estrutúrase en cinco eixos de actuación, que pasan pola promoción, a comercialización e a internacionalización dos produtos agroalimentarios galegos (10.250.000 €); a sustentabilidade económica dos sectores agrogandeiro e forestal (107.450.000 €); o reforzo da resiliencia do territorio rural (42.600.000 €); a formación, a innovación e a dixitalización (4.200.000 €) e a simplificación e flexibilización administrativa (700.000€). 

De entre as 14 medidas e 36 accións que integran o plan, o conselleiro salientou especialmente a dotación de axudas directas aos sectores produtivos, de case 24 millóns de euros, e que proporcionará asistencia de emerxencia aos produtores e ás pemes máis afectados.