Máis dun millón de euros aos entes de xestión coruñeses para a recuperación do turismo


A área de Turismo da Deputación da Coruña destina máis de un millón de euros aos entes de xestión co fin de contribuír á recuperación do sector. A resolución definitiva publícase hoxe mércores no Boletín Oficial da Provincia.

Máis de un millón de euros é o orzamento que a Deputación da Coruña destina aos entes de xestión turística a través dunha liña de axudas coa que quere contribuír á adaptación dun sector especialmente afectado pola crise da COVID19. Para o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, a colaboración entre as administracións e o sector privado é clave para superar a crise provocada pola pandemia.

A área de Turismo da Deputación da Coruña publica no BOP deste 10 de xuño a concesión de axudas aos entes de xestión aos que destina nesta nova edición un orzamento de 1.091.645,92 € que se repartirán entre as catorce propostas que traballan en todo o territorio da Coruña e que reciben axudas de até 120.000 € para a consolidación das súas estruturas administrativas e as actividades que desenvolven ao longo do ano, encamiñadas neste caso a contribuír a superar a crise provocada pola COVID19.

"Nesta edición decidimos apostar unha vez máis e con decisión polo traballo que desenvolven os entes de xestión porque temos o convencemento que serán pezas claves para coordinar a recuperación dun sector que está a atravesar unha crise histórica", sinala o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira.

A Asociación de Empresarios do Camiño de Santiago a Fisterra-Muxía, Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, A Asociación Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, a Asociación Rural de desenvolvemento da Ría de Muros-Noia, a Asociación Socio-Cultural Agua e Sal, a Asociación para o Desenvolvemento do Turismo de Calidade da Comarca de Ortegal, Costa da Morte Asociación Turística, as Mancomunidades Ría de Arousa-Zona Norte, Concellos Comarca de Ferrol e Comarca de Ordes, Información e Comunicación Local de Santiago (Incolsa), Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Asociación de Concellos do Camiño Inglés e Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña son as entidades beneficiarias da convocatoria.

"Os próximos meses van ser duros e tamén decisivos para o futuro dun sector que terá que adaptarse ás exixencias sanitarias e que precisará o apoio das administracións con medidas extraordinarias porque é clave na empregabilidade e no desenvolvemento económico do país", sinala Xosé Regueira que apunta tamén a necesidade de afortalar as novas vías que abre a actual situación que apostan por un turismo de proximidade e sustentábel.