Lugo presenta os seus encontros virtuais "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo"

A Deputación de Lugo presentou esta mañá en rolda de prensa os seus encontros virtuais "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo", englobados dentro da campaña EN LUGO, SI,  coa que se pretende “reactivar, dunha maneira estable e eficaz, o comercio local, a hostalería, o turismo, e o conxunto dos sectores produtivos da provincia, para saír o máis rápido e da mellor maneira posible da crise provocada polo coronavirus”.

Trátase dunha ponencia virtual e catro encontros telemáticos nos que axentes públicos e privados debaterán sobre a reactivación do turismo lucense, contando segundo anunciou a deputada de Turismo Pilar García Porto con "participantes de cabeceira no mundo do turismo nacional, galego e da nosa provincia". 

En concreto, o vindeiro luns día 8 de xuño abrirá o programa unha ponencia de Ricardo Blanco Portillo, xefe da área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo. O mércores día 10 haberá un debate sobre as perpectivas para a reactivación da demanda turística no que participarán asociacións galegas de albergues, axencias de viaxe, turismo activo, hostalería e guías turísticos. O día seguinte, xoves 11 de xuño, tomarán a palabra as institucións cun foro no que participarán entidades como o concello de Lugo ou o consorcio da Ribeira Sacra, pero no que tamén se contará con asociacións de veciños. 

A semana seguinte, retomaranse as xornadas o luns día 15 de xuño cun encontro telemático no que participarán a asociación de vivendas turísticas galega, balnearios de Galicia e a federación galega de comercio, entre outros. Pechará a programación un encontro organizado en colaboración coa Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), no que tamén participarán asociacións como Hostelería de España ou do proxecto Hostelería Segura. 

Na presentación das xornadas participou o presidente provincial, Xosé Tomé, que aproveitou para recordar que Galicia parece ser un dos mercados con maior demanda no novo escenario e que a provincia de Lugo rexistrou unha incidencia baixa durante a pandemia, "un feito que nos facilita a tarefa de consolidar a provincia como un destino de calidade e excelencia". Recordou ademais que esa estratexia coincidía" co traballo que viñamos facendo, a aposta por un turismo non masificado, que potencia a gastronomía e a cultura local".