"Hai que adaptarse para que non nos volva pillar todo isto" Begoña Rosales (A. Praza de Abastos de Marín)


Entrevista do GALP Ría de Pontevedra a Begoña Rosales, presidenta da Asociación Praza de Abastos de Marín, no marco da campaña #QuedaCoNosoMar.

A praza de abastos é o pulmón da vila, como respirou o mercado naquelas primeiras semanas de confinamento?

Nas primeiras semanas, e case durante o primeiro mes, fatal. Por un lado, moita xente xa non podía saír e, polo outro, a que intentaba achegarse as Forzas de Seguridade mandábana aos supermercados máis próximos dentro da vila. Ao final ían ao súper e nas prazas non había ninguén. Pasamos un mes moi malo de vendas, menos mal que empezamos a levar a domicilio, sobre todo á xente maior que non podía vir ata aquí.

- A caída da demanda levou a que moitos postos pecharan durante ese tempo?

Algúns vendedores deixaron de vir, si, porque madrugabas para ir a comprar e despois non había clientes. Ademais hai que ter en conta que o peixe é un produto perecedoiro.

- O reparto a domicilio converteuse nunha alternativa para afrontar esta situación.

Certo, había dous tipos de clientela, a que che encargaba para varios días e lle levabas o pedido á casa, e outra que, no segundo mes cando xa se podía saír un pouquiño, te chamaba por teléfono para facer o encargo, preparábasllo e víñano recoller aquí. O peixe que máis se demandaba era o que mellor conxelado dera para ter para varias veces, xa fora o branco ou especies como o choco ou o polbo. Isto é o que nos foi dando un pouco a vida.

- Segundo estatísticas do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, durante o 27 de abril ao 3 de maio o consumo de peixe fresco aumentou en máis dun 33%. Certificastes ese aumento?

Si, a xente foise empezando a mover a medida que se lles deixou saír máis, vir aos mercados. Poñían a súa máscara e os guantes e baixaban ata a praza, especialmente a xente máis maiorciña que non a cambia polo supermercado; son os clientes máis fieis.

- Xa levamos máis dunha semana na semana Fase 2 e parece que lle vemos as orellas á Fase 3. Notades a desescalada?

Non é o boom de antes, pero xa se nota. Tamén ao empezar abrir a hostalaría hai máis movemento, vai algún quiliño máis para un, dous quiliños máis para outro; aínda lle falta para recuperarse pero estamos niso.

- O canal HORECA xoga un papel fundamental á hora de darlle saída a moitos dos peixes e mariscos da praza.

Si, aínda que durante o confinamento, ao non poder saír comer fóra o marisco, algúns clientes pedíano para á casa, era o capricho que se pegaban na fin de semana, encargaban lagostinos, ameixas, un pouco de cada.

En canto á hostalaría, polo de agora abriron algúns bares da praia e pequenas taperías e van levando peixe azul, peixes pequenos como xoubas ou chinchos.

- Xa estades todos os negocios da praza abertos? Que especies teñen máis demanda?

A día de hoxe estamos todos abertos. A xente xa empeza a querer xoubas, xurelos, sardiñas, cabalas, mentres haxa bo tempo a clientela ten gana de peixe azul.

- As máscaras, luvas e a desinfección constante forman parte do día a día do mercado. Como vos adaptastes?

A máscara non é fácil de levar porque son moitas horas, date de conta que imos ás catro da mañá para á lonxa e témola ata as tres da tarde. E coa calor a cousa complícase, pero todo o mundo a pon, todos os clientes, temos que adaptarnos. É bo para nós e para todos. Os guantes xa os usabamos. Para a limpeza da praza temos unha empresa contratada que se encarga da desinfección e logo cada un tamén se ocupa de manter limpo o seu posto.

- Marín é mar e a praza é fundamental para manter o tecido socioeconómico da zona. Como encarades o futuro?

Vémolo complicado. Temos problemas para entrar na lonxa de Vigo, non podemos ir todos os días, estamos divididos entre pares e impares, e ademais pecha os sábados. Co cal, tiramos uns compañeiros doutros, axudámonos, aínda que nos preocupa a chegada do verán e como nos poderemos organizar. Por exemplo, hoxe (martes 2 de xuño) non puiden ir e tiven que encargarlle o peixe a unha compañeira e mañá traereillo eu a ela. É dobre traballo, levamos unha temporada con moita carga e con menos vendas, pero aí seguimos, adaptándonos ás novas vidas.

- Supoño que ver que hai clientes que se manteñen fieis e que a demanda, pouco a pouco, vai aumentando abre un buraco de esperanza.

Esperemos que si. Tamén toda esta situación nos serviu para xuntarnos entre compañeiros, intentar levarnos mellor e tirar todos do carro. Agora estamos traballando nun sistema de reparto a domicilio e nun marketplace para vender por internet, destinado, sobre todo, á xente moza para que poidan ver todos os días o que temos. De feito, moita veu ata o mercado porque vía máis seguridade aquí que no supermercado e collémola como clienta. Hai que adaptarse para que non nos volva pillar todo isto por sorpresa.

- O produto de proximidade vai gañando forza.

Si, a xente fíxase cada vez máis no etiquetado e danlle máis valor ao de aquí.