Galicia e Portugal traballarán conxuntamente para reforzar vínculos e reactivar o Camiño

Este xoves o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse telemáticamente coa secretaria de Estado de Turismo de Portugal, Rita Marques, para avaliar o efecto da desescalada nos fluxos turísticos entre ambas zonas e traballar conxuntamente na reactivación do Camiño de Santiago, un eido no que xa veñen cooperando con resultados satisfactorios ao longo dos últimos anos.

Neste senso, o conselleiro manifestou o obxectivo de reforzar os vínculos entre ambos territorios retomar as liñas de colaboración abertas para poñer en valor a riqueza patrimonial, cultural e natural que comparten Galicia e Portugal. Román Rodríguez salientou a importancia de recuperar os fluxos entre Galicia e Portugal e de deseñar accións conxuntas, particularmente no que atinxe ao Camiño Portugués.

Considera que o traballo conxunto permitirá establecer estratexias que preparen a ambos territorios para superar os obstáculos da crise sanitaria e afrontar con certezas a realidade do escenario posterior ao coronavirus afianzando a nosa imaxe como destino seguro e de confianza.

O portugués é o principal mercado estranxeiro de Galicia e supón o 20% da demanda turística internacional. Tanto é así que só no pasado ano visitaron a nosa Comunidade máis de 265.000 turistas procedentes do país veciño. Ademais, a nacionalidade lusa tamén é unha das máis frecuentes no Camiño de Santiago e Portugal é un dos principais países de procedencia na Ruta Xacobea, só por detrás de Italia, Alemaña e Estados Unidos.