O concello de Ferrol vén de presentar as liñas do programa “Ferrol Cidade Viva”, deseñado co fin de dinamizar o sector do comercio e da hostalería tras a crise xerada pola covid-19 e potenciar. Segundo explicou a concelleira María Teresa Deus, trátase de ofrecer ferramentas que potencien a “sustentabilidade dos negocios ao tempo que reactivar a actividade económica da nosa cidade” cunha “firme aposta polo comercio de proximidade”.
O novo plan inclúe nove sesións formativas que se impartirán martes e xoves desde o 30 de xuño ata o 15 de xullo e que os participantes poderán seleccionar entre ao redor de 12 en función das súas necesidades e intereses. De forma paralela recibirán asesoramento personalizado “co fin de potenciar os aspectos que sexan máis relevantes para eles. Queremos axudarlles a obter o máximo rendemento dos seus negocios, e para elo terán acompañamento individualizado”, explicou a concelleira de Promoción Económica.
No mes de setembro continuarase coa formación e asesoramento e poñerase en marcha a terceira liña do programa, unha “ambiciosa promoción do noso comercio local co obxectivo de incentivar as compras e captar clientes”. Para elo hai programadas fórmulas como sorteos, descontos, premios directos e incentivarase especialmente as ventas cruzadas.
O programa co que o Concello pretender darlle impulso ao comercio local no deixa de lado os recursos dixitais. Na posta en marcha da gran promoción dos negocios da cidade contarase cunha aplicación que terá dobre uso: os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos dos establecementos, sorteos, premios, incentivos ás ventas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo. O cliente poderá acceder a ela a través dun código QR que estará exposto nos establecementos. Neste punto, a concelleira María Teresa Deus explicou que “todo este proceso será moi sinxelo, ese é o noso obxectivo, facer a campaña o máis accesible posible”.