Felipe VI no Plenario da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes



A presenza do Rei Felipe VI no Plenario da Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, da que forma parte a Deputación de Pontevedra coa súa presidenta Carmela Silva, supuxo esta mañá o espaldarazo á propia RDTI “como un proxecto innovador” e a declaración de apoio e respaldo ao sector “dunha importancia crucial para este país polo seu peso económico e no emprego, a importancia social e o que supón de achegamento a outros pobos e culturas, sector co que agora enfrontamos o reto da recuperación”. 

O monarca recoñeceu a crise da Covid19 como “un golpe serio” pero tamén unha oportunidade para repensar coas claves da transformación dixital, a accesibilidade, a gobernanza e a sustentabilidade. “Sabemos das nosas fortalezas, somos unha grande potencia turística”, dixo Felipe VI, que á vez reflectiu sobre o feito de que trátase do sector máis exposto e vulnerable a pandemias globais. Tamén insistiu o Rei no reto que teñen moitos destinos da desestacionalización e polo tanto da necesidade de poñer en valor e promocionar recursos e produtos dos que desfrutar todo o ano recoñecendo a fortaleza de España neste sentido con recursos como a cultura, os monumentos ou a gastronomía. 

Ante o interese do monarca pola situación dos festivais e grandes eventos musicais do verán, cuestión sobre a que a Ministra, Reyes Maroto, informou que se están avanzando con medidas tanto de garantía sanitaria como de apoio ao sector, a Presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que a provincia conta con 6 grandes eventos baixo a marca Rías Baixas Fests que aportan un valor importante tanto no desenvolvemento local dos concellos nos que se celebran como na promoción do noso destino, e celebrou os avances no apoio a un sector tan importante. Carmela Silva tamén trasladou a necesidade de que se axilicen as licitacións dos proxectos de RED.ES de Turismo Intelixente, precisamente para avanzar na innovación nos destinos cando é máis necesario que nunca, e pediu que se axilice a aprobación da norma do ICTE para vivendas turísticas, para que así estes establecementos dispoñan de tempo para facer as adaptacións precisas en materia de garantía sanitaria. 

A Presidenta celebrou igualmente o anuncio da Secretaria de Estado de que esta á perfilar un Centro Mundial de Datos que supón un novo modelo de coñecemento para a toma de decisións acertadas de cara a demanda tanto nacional como internacional. Amais manifestou o seu aliñamento en materia de promoción turística coas campañas que está a preparar TurEspaña, tanto para turismo doméstico como internacional, esta última adaptada aos mercados internacionais de maneira desescalada para trasladar que estamos preparados para volver. 

A propia Ministra de Turismo Valorou positivamente o traballo realizado durante os últimos tres meses polos membros da rede para a posta en común de solucións para garantir a seguridade e confianza nos espazos turístico. Avanzou tamén Maroto que o sector das feiras poderá retomar a súa actividade no mes de setembro e que agardan que se recuperen citas importantes para o sector a nivel nacional. “Estamos preparados e a punto para recibir visitantes. E temos que demostralo no exterior”, rematou.