FEGATUR formará en seguridade sanitaria aos establecementos de turismo rural

A Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) vén de poñer en marcha a campaña de formación virtual Galicia Turismo Rural Seguro, que pretende capacitar ao persoal dos establecementos nas medidas hixiénico-sanitarias que permitan reducir contáxioo pola Covid-19 e garantir aos clientes unha reapertura na que se ofrezan condicións seguras de acollida, recepción e estadía.

A campaña componse de seis seminarios formativos en liña que se desrrollarán durante o mes de xuño dirixidos a xerencia, persoal e servizos externos dos diferentes aloxamentos de turismo rural galegos. Os destinatarios das accións formativas son os establecementos de Turismo Rural de Galicia inscritos no rexistro de actividades turísticas de Galicia (REAT). Hai dispoñibles 1000 prazas gratuítas. 

Esta campaña é posible en virtude do convenio asinado coa Axencia de Turismo de Galicia dentro da estratexia Galicia Destino Seguro. Ademais da formación básica dirixida a todo o persoal relacionado co turismo rural,  a campaña tamén inclúe un segundo nivel de formación orientada a xerencia para a implantación do Plan de limpeza e hixiene revisado e as medidas de seguridade no traballo. Tamén se abordarán as necesidades de comercialización ante a reactivación da actividade dos establecementos.

A inscrición abrirase despois de que o establecemento participe na formación básica por invitación ao correo de xerencia que se proporcione.