Continúan as mobilizacións reclamando a apertura dos pasos fronteirizos con Portugal

A AECT Rio Minho encabezou este luns unha nova mobilización de alcaldes das dúas beiras do Miño Transfronteirizo para reclamar a apertura urxente de máis pasos na fronteira con Portugal. Nesta ocasión o lugar escollido para a protesta foi a ponte que une Salvaterra e Monçao, pechada o 17 de marzo e pola que ata entón pasaban 10.000 vehículos ao día.

"Só queremos que abran os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas. Non pedimos máis que nos deixen sobrevivir". Así de clara e desesperada foi a reivindicación que hoxe novamente realizaron os alcaldes, alcaldesas, presidentes de câmaras miñotos e o director do AECT Rio Minho, Uxío Benítez. 

Benítez quixo aclarar que a reivindicación non se trata de abrir ao turismo con carácter xeral os dous países: "Nós estamos a reivindicar algo moito máis xusto e moito menos preocupante dende o punto de vista sanitario. Simplemente estamos a reivindicar que os cidadáns e cidadás europeos transfronteirizos poidan facer a súa vida natural neste territorio transfronteirizo, que non teñan que desprazarse distancias quilométricas cando teñen unha ponte próxima pola que poderían facer ese paso", subliñou.

Benítez fixo fincapé en que a solución é unha cuestión de medios, colocando persoal do Estado nas pontes de Salvaterra-Monçao, Arbo-Melgaço, Cerveira-Tomiño e na ponte vella de Tui "para que os traballadores e traballadoras transfronteirizos non teñan que dar voltas quilométricas cos custes económicos que iso trae". "Tamén demandamos –dixo- para a xente que vivimos aquí, que haxa unha desescalada coordinada e que comercios que agora están pechados porque non poden abrir para os seus clientes do outro lado, que estes poidan pasar".

O nacionalista destacou que se trata de reivindicacións moito máis xustas e moito menos complexas que a reapertura para o turismo. "Hai moitísima xente que vive e traballa no outro lado, moitísima xente cun negocio que vive da xente do outro lado. Iso é do que estamos a falar, de que este territorio transfronteirizo se nos abra para poder seguir vivindo e traballando", insistiu, para advertir que de non atenderse as demandas, seguirase co calendario de reivindicacións.

Como representante dos traballadores transfronteirizos tamén acudiu á protesta Cecilia Puga, cabeleireira de Arbo que ten unha perruquería en Melgaço –Portugal- dende hai 19 anos. Explicou que diariamente trasladarse ao seu traballo lle leva seis minutos, mentres que agora se ve obrigada a facer diariamente unha hora e media ou dúas horas e dependendo de quen estea na fronteira. "A semana pasada tardei cinco horas en chegar ao meu traballo porque a señora da fronteira emperrouse en que os meus papeis non servían", apuntou, para destacar que "simplemente pido que me deixen traballar".

"Xa sabemos que ao mellor é demasiado pronto para abrir a todo o público, pero polo menos aos traballadores que de todas as formas estamos pasando, que nos deixen pasar polos nosos pasos habituais. Trátase de poñer medios. Se non chega coa policía ou o que teñan, que poñan ao exército, pero que deixen aos traballadores e traballadoras pasar para os seus postos de traballo. Eu se teño que facer estes quilómetros nunca na vida tería posto o meu negocio aí. É unha loucura", relatou.

Pola súa parte, Vítor, un feirante portugués, destacou que a situación de peche da fronteira é unha loita "que nos sentimos incapaces de superar nestes momentos". "É moi duro vivir coas fronteiras pechadas porque está a ser un colapso económico na raia miñota. Falo no meu caso propio pero tamén na voz dos colegas que nestes momentos xa pasan por dificultades e non van conseguir reabrir os negocios se as fronteiras non abren de maneira urxente", salientou.

Explicou que no seu caso, como comerciante, o 80% da facturación depende de España, polo que pediu volver á vida social e empresarial de inmediato, "xa que é o medio de sustento para sobrevivir. Temos comercio e industria. Temos traballadores que onde facían 2 quilómetros agora fan 100. Moitos deixaron o traballo porque o que gañan non da para o transportes. Poñan a man na conciencia porque de continuar así vai ser unha desgraza financeira. Estamos a atravesar unha fase moi grave. Somos persoas que dependen moito da fronteira. Abran as fronteiras por favor", clamou.