"Comemos polos Ollos" xa ten gañadores


A Deputación de Pontevedra pecha o concurso fotográfico Comemos polos Ollos, destinado a promocionar a excelente gastronomía das Rías Baixas, coa selección das sete mellores imaxes de produtos de proximidade publicadas en redes sociais durante o último mes. Un xurado composto por persoal técnico de Turismo Rías Baixas e do Servizo de Comunicación Institucional foi o encargado de escoller as fotografías que mellor representan a ampla variedade de materias primas que ofrecen as rías, a horta e os campos da provincia de Pontevedra.

Seleccionáronse tres imaxes de produtos na categoría “Ao natural”, outras tres na sección “Preparados” e houbo unha mención especial para a mellor composición fotográfica. A institución provincial repartirá entre as persoas gañadoras un total de sete lotes de produtos Rías Baixas valorados en 70, 90 e 120 euros.

As persoas participantes debían seguir as contas de Turismo Rías Baixas en Twitter e Instagram e publicar as súas imaxes entre o 15 de maio e o 15 de xuño empregando os hashtag #ComemosPolosOllos e a súa versión en castelán. En Instagram acadouse un importante impacto, cun total de 65 fotografías, e en Twitter foron 25 as que se presentaron ao concurso. Á hora de elixir as persoas gañadoras valorouse a posta en escena e a calidade das imaxes, o respecto polo produto e tamén a creatividade e a innovación das propostas culinarias, buscando unha mestura entre produtos de costa e interior e con presentacións moi diversas entre si. 

A mellor composición fotográfica foi Guisantiños da casa e outras cousiñas, da usuaria @margapazos. Esta fotografía foi elixida pola súa elaboración innovadora e coidada presentación, que mestura marisco e produtos da terra, con gran forza creativa. O listado completo das persoas gañadoras pode consultarse na acta de resolución do concurso Comemos polos Ollos.

De forma adicional, tanto a presidenta da Deputación, Carmela Silva, coma a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, aproveitaron esta acción de promoción nas redes da Deputación de Pontevedra e de Turismo Rías Baixas para compartir as súas imaxes e amosar algúns dos mellores produtos da horta e dos campos da provincia.

Esta acción enmárcase na campaña “Pontevedra provincia na túa cesta”, posta en marcha no mes de abril co obxectivo de poñer en valor os produtos de proximidade e o traballo das produtoras e produtores da provincia en tempos especialmente complicados coma os da COVID-19. A Deputación de Pontevedra está facendo esforzos específicos para apoiar o sector primario, o comercio e o turismo tendo en conta, ademais, que a gastronomía é un dos activos máis fortes do destino turístico Rías Baixas cun alto potencial de captación de viaxeiras e viaxeiros.