Cociña Ourense, clave para a reactivación da provincia

O presidente da asociación gastronómica "Cociña Ourense", Miguel González, reuniuse co presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que asegurou que este grupo de cociñeiros será "clave para a reactivación económica do noso territorio, a través dos seus establecementos e das redes de cooperación que xeran con outros cociñeiros de ámbito nacional e internacional, na procura dun obxectivo nobre e irrenunciable como é a visibilización de Ourense nun eido tan importante como o da restauración e con profesionais de tanto prestixio e tan recoñecidos".

Baltar e González trataron temas de futuro da asociación gastronómica e da promoción dos produtos autóctonos de Ourense, e do "carácter solidario que este colectivo amosou durante esta pandemia, axudando a organizacións sociais", destaca o presidente Baltar, salientando que a Deputación de Ourense "valida toda a actividade que realiza "Cociña Ourense", un grupo de restauradores que a institución provincial impulsou desde o primeiro momento e que representa a calidade de preparación dos nosos excelentes produtos e un compromiso coa provincia, que vai máis aló do seu labor gastronómico, xa que se trata dunha verdadeira militancia a prol de Ourense".

Ademais, tamén aproveitaron para analizar os resultados e a proxección dun dos eventos máis importantes que celebrou este colectivo durante 2019 como foi "Enhbiga", un certame internacional de turismo eno-gastronómico e no que houbo representantes de diferentes países, prensa especializada, e que tivo unha repercusión en medios informativos e redes sociais superior aos nove millóns de impactos e visualizacións.