Catamaráns eléctricos para rutas termais e enoturísticas no Miño ourensano

A Deputación de Ourense estudia adquirir unha frota de catamaráns eléctricos para realizar rutas termais e enoturísticas polo río Miño. O proxecto contempla, segundo explica o presidente Manuel Baltar, "avaliar a compra por parte da Deputación de Ourense dunha frota de pequenos catamaráns, que teñen como característica principal o feito de ser 100 % eléctricos, coa importancia que isto supón para a contorna medioambiental", afirma. 

Baltar anunciou esta iniciativa durante unha visita realizada ao balneario de Laias, acompañado polo director xerente de Caldaria, Javier Soto, para coñecer as prestacións deste tipo de embarcacións. 

O barco, que conta cunha capacidade de sete prazas, non precisa de titulación náutica para ser guiado, e está pensado inicialmente para realizar rutas termais e enoturísticas pola contorna do embalsa de Castrelo de Miño, así como pola zona do balneario de Arnoia, visitando diferentes adegas da Denominación de Orixe Ribeiro. 

"Esta iniciativa pode ter un enfoque turístico moi relevante e pode ser unha aposta de futuro e un revulsivo para explotar o enoturismo, en colaboración coas adegas e co Consello Regulador do Ribeiro. A Deputación de Ourense, que apoia o deporte náutico e enclaves como os de Laias, Castrelo de Miño e Arnoia, e que coopera co Consello Regulador, ve neste proxecto unha aposta que ten a capacidade de atraer visitantes", afirma Baltar. 

Así, segundo dixo o presidente, se van a manter conversas para a adquisición de varios barcos deste tipo e que a colaboración da Deputación será non só económica "senón tamén de promoción dunha iniciativa tan acertada como é a de unir termalismo e viño, un dos nosos produtos estrela". 

Neste sentido, avanzou que a institución provincial se reunirá co Consello Regulador e coas adegas "para estudar a estratexia neste ámbito, para pór en valor aspectos tan importantes no noso territorio como son a enogastronomía, o termalismo, a paisaxe e o medio ambiente da provincia de Ourense, a de maior potencial termal de Europa".