Axudas á apicultura

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a orde da Consellería do Medio Rural que amplía en case 121.000 euros o orzamento das axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, co que a partida presupostaria queda fixada agora nos 724.105 euros. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro luns 29 de xuño. 

As axudas van destinadas tanto a particulares titulares de explotacións apícolas como a cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. Dispón de catro liñas de subvención diferentes: para a asistencia técnica (dirixida só a agrupacións de apicultores), para a loita contra as agresións e enfermidades da colmea, para a transhumancia e para medidas de apoio á repoboación da cabana apícola. 

A convocatoria destas axudas faise en réxime de concorrencia competitiva, baixo criterios pactados co sector. Así, darase prioridade a aspectos como a dimensión das explotacións (número de colmeas), a pertenza á IXP Mel de Galicia ou a adscrición a unha Agrupación de Defensa Sanitaria Gandeira. 

Tamén se valorará o feito de que as explotacións solicitantes ostenten titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas estean en zonas desfavorecidas ou rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.