Aviturga e a Xunta lanzan unha guía virtual para regularizar as vivendas de uso turístico

A Asociación de Vivendas Turística de Galicia (Aviturga) e a Xunta acaban de poñer en marcha a web legaliciate.gal, na que reúnen recomendacións e instrucións para guiar aos propietarios no proceso de regularización dos seus aloxamentos, así como unha campaña online que se desenvolverá durante todo o verán e os meses posteriores e que resume os principais requirimentos.

Trátase de ofrecer respostas ás preguntas máis frecuentes sobre esta modalidade de aloxamento, facilitando a descarga dos impresos necesarios para a súa regulamentación e poñendo a disposición dos propietarios unha guía que condensa en catro indicacións os pasos a seguir para ofertar un aloxamento deste tipo cumprindo coa legalidade. A través desta medida, o Goberno galego e Aviturga favorecen o cumprimento da lexislación vixente por parte dos propietarios e reforzan a imaxe de Galicia como destino seguro, fiable e de calidade.

Do mesmo xeito, a plataforma legaliciate.gal ofrece un formulario dixital a través do cal Aviturga xestionará calquera tipo de incidencia que xurda no desenvolvemento desta actividade. Ademais, esta iniciativa completarase nos próximos días coa posta en marcha dunha aula virtual de formación permanente que ofrecerá un ciclo de webinars destinados a formar aos propietarios de vivendas turísticas sobre os protocolos a aplicar este verán para garantir a máxima seguridade hixiénico-sanitaria.

Hai que recordar que os propietarios deben contar na súa vivenda de uso turístico cos servizos recollidos no decreto 12/2017, entre os que figuran a dispoñibilidade dun teléfono 24 horas a disposición dos hóspedes, follas de reclamación ou un servizo de asistencia e mantemento de vivenda, entre outros.

Posteriormente, antes de comezar a alugar o inmoble como vivenda de uso turístico, deben rexistrar a propiedade comunicando a alta a Turismo de Galicia ben nos rexistros públicos ou a través da sede electrónica da Xunta e proceder ao pago da taxa correspondente e unha declaración responsable. Acto seguido, os propietarios tamén deberán cumprimentar os libros de rexistro de entrada e saída de viaxeiros e informar do contido destes documentos a través da plataforma dixital Hospederías da Garda Civil ou E-Hotel da Policía nacional, en función do concello no que desenvolvan a súa actividade.