As axudas da Xunta para o impulso de turismo rural suman preto de 4,4 M€


O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, formalizou hoxe un acordo sectorial coa Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR) por un importe de preto de 200.000 euros, no mesmo día no que a Xunta notificou aos 192 concellos que o solicitaron que son beneficiarios das axudas para a posta en valor da riqueza histórica e paisaxística do rural. Ambas medidas suman preto de 4,4 M€. 

Os acordos asinados con FEGATUR inclúen accións para a súa comercialización online, con reservas a través dunha plataforma, incentivar aos viaxeiros que alonguen as súas estadías neste tipo de establecementos con bonos para realizar experiencias turísticas complementarias e fomentar a súa formación en materia hixiénico-sanitaria. 

Así, crearanse mecanismos que garantan a comercialización dixital para aloxarse nalgún dos 555 establecementos de turismo rural de Galicia que están dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT). Será a través dunha plataforma que inclúa un motor de reservas e unha web que ofreza información sobre os establecementos adheridos e que incentive as reservas telemáticas de xeito directo. 

Tamén se vai incentivar aos viaxeiros que alonguen as súas estadías neste tipo de establecementos galegos engadindo novas propostas de valor que agasallando con 4.800 bonos individuais que permitan desfrutar de experiencias turísticas nos xeodestinos e vilas de Galicia aos viaxeiros que realicen estadías nas casas de turismo rural galegas. Estas actividades serán impartidas por guías de turismo, empresas de turismo activo, adegas turísticas, restaurantes, artesáns, museos e instalacións, polo que se permite reactivar así tamén a toda a cadea de valor turística. 

Turismo rural, estratéxico no novo escenario 

Ademais, axúdase a implantar medidas hixiénico-sanitarias e de formación para preparar ante o novo escenario aos profesionais deste tipo de establecementos, que reúne algúns dos elementos máis valorados polos usuarios no contexto poscoronavirus como a tranquilidade, a natureza ou a paisaxe. 

Estas iniciativas enmárcase no reforzo que a Xunta está a realizar xa no programa Galicia destino seguro. Así, xa está en marcha a creación e adaptación de produtos e experiencias con distintos subsectores para favorecer o turismo rural, as actividades de aventura, os congresos ou enoturismo e reorientar produtos das axencias de viaxe. 

Coincidindo coa sinatura destes acordos, a Xunta vén de notificar a un total de 192 concellos, mancomunidades e consorcios locais ou agrupacións de concellos que son beneficiarios das axudas que o Goberno galego reserva para impulsar actuacións de posta en valor da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do rural con 4,2 M€. 

Sufragaranse, entre outras, accións de embelecemento dos accesos e bens declarados de interese cultural, iluminación ornamental, recuperación e creación de miradoiros paisaxísticos ou recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional entre outras, co que se pretende seguir impulsando Galicia como un destino fiable e de calidade, potenciando os valores que caracterizan o modelo turístico galego e que cobran especial importancia no contexto actual, como a natureza, a paisaxe a enogastronomía ou o Camiño de Santiago. 

Retómase así a liña de subvencións convocada en novembro pola Xunta de Galicia, e que tivo que ser paralizada pola crise sanitaria da covid-19, a través dunha nova fórmula administrativa cos concellos que a solicitaron que pasarán a xestionarse a través de convenios para axilizar a tramitación, pactando os obxectivos das achegas para adaptalos a cada caso particular, garantindo así a súa execución.