Arranca a festa do comercio local en Santiago

Hoxe comeza en Santiago de Compostela a festa Compostela Prima20, coa que o concello pretende  reactivar o comercio local e recuperar para a cidadanía as rúas de Santiago na volta á “nova normalidade”. 

A festa celebrarase entre hoxe e o vindeiro domingo 29, volvendo despois o día 4 de xullo. En total, serán cinco xornadas cheas de actividades, para as que haberá que reservar mediante cita previa, co obxecto de controlar aforos e así garantir as distancias de seguridade.

A programación será variada e incluirá animación de rúa e actividades para todos os públicos en diversas zonas da cidade: Santa Marta, praza da Mercé de Conxo, parque Eugenio Granell, Alameda, Praza da Constitución, Parque de Galeras, Praza de Cervantes, parque da Música, Vite, San Pedro, praza da Quintana, Romaño, xardín do Pazo de Amarante, praza Roxa, Colexiata do Sar e Área Central.

Maxia, contacontos, teatro, monicreques, música, circo, pasarrúas ou danza son algunhas das disciplinas incluídas no programa, que se completará con obradoiros de orfebrería, repuxado de prata e talla de acibeche.Coa intención de manter a seguridade e garantir o control de aforo é preciso reservar previamente de forma gratuíta as entradas mediante esta web.