Administracións e sociedade lucense buscan sinerxias de cara á recuperación turística

Este xoves celebrouse a terceira xornada do foro "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo", no que representantes de varias administracións e da sociedade civil lucense coincidiron na necesidade de crear sinerxías entre as diferentes administracións, implicándose e traballando de maneira conxunta, co fin último de facer fronte á nova normalidade

No foro, organizado pola Deputación, participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz; o presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, Francisco Cajoto; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián; a delegada do S.A do Plan Xacobeo e Comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira; o Presidente da Federación Veciñal Lucus Augusti, Jesús Vázquez Varela; e o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel Lópe

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou a xornada deixando claro que as administracións deben implicarse na recuperación turística e poñendo de manifesto que o foro resumía a variedade da provincia lucense: "de paisaxes como A Mariña ou a Ribeira Sacra, a pegada do Camiño de Santiago, o turismo de monumentos, de praia, de gastronomía. Unha oferta variada que non deixou de atraer visitantes e que converteu a Lugo na provincia galega na que máis medrou a afluencia de visitantes no ano 2019.”

Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, remarcou a necesidade de crear unidades de actuación e protocolos comúns, rebaixando as confrontacións políticas e sinalou que “estamos nun momento que nos vai permitir fomentar un turismo de calidade. Aí temos un papel fundamental as administracións, entendo que debemos ter unha maior conectividade entre todos os axentes involucrados e todas as administracións que actúan nos territorios”.

O presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, comentou as liñas de actuación que está levando a cabo esta entidade dende o inicio da pandemia, como a posta en marcha dun servizo de asesoría ou a creación dun grupo de traballo co sector privado: “Dende hai dúas semanas temos o 37% da oferta da reserva turística da Ribeira Sacra xa en activo, e prevemos que nas próximas semanas entorno a un 75% dos establecementos recuperen a actividade. Traballar co sector dende o inicio permitiunos artellar estratexias consensuadas, responder ás inquedanzas, facilitarlles recursos, avanzar no deseño de novos produtos e artellar unha campaña moi forte”, apuntou.

No caso da comarca da Mariña, o presidente da Mancomunidade, Francisco Cajoto, incidiu na importancia do sector turístico para esta zona da provincia e mostrouse optimista coas previsión de ocupación hoteleira para esta tempada de verán. Avanzou que “podemos recuperar e apostar por ese turismo de calidade e tranquilo, ese turismo desestacionalizado que é o que pretendemos, que chegue a todos os momentos do ano”.

O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, Alberto Varela Paz, apuntou os bos datos cos que a comunidade galega pechou o 2019, rexistrando o maior crecemento en todo o territorio nacional. Na liña do resto de ponencias destacou que no sector turístico “non partimos de cero, temos unha boa base e unha boa materia prima. É certo que esta crise vainos obrigar a cambiar cousas, a traballar mais en equipo, e cos diferentes sectores, sumando esforzos entre as administracións”.

En canto á Federación de Asociacións de Veciños, o seu presidente, Jesús Vázquez, sinalou que “debemos potenciar a personalización cos usuarios, a empatía, as relacións co cliente e a profesionalidade do sector turístico. Temos que descubrir a nosa provincia e fago un chamamento para que a xente faga proteccionismo cara o noso. Lugo ten moitas cousas por descubrir”.

Outra das cuestións que centrou este terceiro foro de debate foi o Camiño de Santiago e o vindeiro ano Xacobeo 2021. A delegada da S.A do Plan Xacobeo e comisaria do Xacobeo 2021 avanzou que “estamos traballando cos axentes do camiño para conseguir a máxima coordinación entre os diferentes organismos xestores facilitando unha reactivación que sexa coordinada e progresiva en canto haxa situacións de mobilidade e seguridade sanitaria”.

Nesta mesma liña, o presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, Manuel López, asegurou que para unha peregrinación segura hai tres cuestións fundamentais: “un protocolo sanitario para todos os albergues públicos e privados, un plan de axudas para adaptación e desinfección dos albergues de peregrinos e o potenciamento do espazo dixital de forma completa e ampla”.