
González sinalou que as axudas aprobadas polo Ministerio de 90 millóns de euros para este sector produtivo non cobren as necesidades do sector galego, debido a que as medidas aprobadas non se adaptan ás demandas de Galicia nin á súa realidade, pois a cantidade que recibirá a nosa comunidade para as súas denominacións de orixe é irrisoria para as máis de 20.000 familias que viven do viño en Galicia. Así mesmo, o conselleiro aproveitou para solicitar a posibilidade de poñer en marcha unha campaña de promoción específica para o viño que poidan lanzar directamente os propios consellos reguladores.
Do mesmo xeito, a Xunta solicitou tamén ao Goberno central que habilite axudas directas para o sector vacún de carne, tamén afectado pola emerxencia sanitaria ao constatar unha baixada nos prezos de venda con respecto á situación anterior á crise sanitaria. Ao igual que o sector vinícola, o vacún de carne viuse moi afectado polo peche da canle Horeca (hostalaría e restauración). Unha situación, sinalou o conselleiro, que debe ser afrontada tamén polo Goberno central mediante unha liña de achegas específica que permita solventar este problema e reactivar o fluxo económico neste sector. Tamén lle trasladou que se está estudando o impacto sectorial noutros ámbitos do cárnico.