A Xunta retrasa ata xullo a apertura das discotecas

A Xunta de Galicia decidiu este luns retrasar ata xullo a entrada en funcionamento das discotecas e dos restantes establecementos de ocio nocturno, que en teoría podían abrir as súas portas con restriccións unha vez chegada a fase 3 da desescalada. 

O goberno galego tomou esta decisión aproveitando o traspaso de competencias que tamén entrou en vigor coa chegada da fase 3, tras unha reunión interdepartamental na que a Consellería de Sanidade expuxo un informe relativo a este tema.

En opinión do Goberno galego, o funcionamento destes locais non procede por agora e considera preferible agardar a que se poida avaliar o resultado do levantamento doutras restricións, como o libre tránsito entre as catro provincias galegas que entrou hoxe en funcionamento xunto coa entrada da Comunidade Autónoma na fase 3.

Durante as conversas mantidas con membros do sector, a Xunta de Galicia recoñeceu e agradeceu o esforzo que está a facer ao ver prolongadas as restricións que lles afectan en aras da maior seguridade para o conxunto dos galegos, e trasladoulle o seu compromiso para seguir traballando conxuntamente co obxectivo de que a apertura a partir de xullo poida facerse nas condicións máis viables que sexan posibles.