A sostibilidade e a confianza protagonizan a primeira xornada do foro "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo"

A Deputación de Lugo inaugurou esta mañá as xornadas virtuais  "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo", cunha ponencia do xefe de área de Turismo Sostible da Secretaría de Estado de Turismo, Ricardo Blanco Portillo, que tratou sobre a importancia da sostibilidade e da confianza como factores clave para reactivar o turismo. 

Blanco Portillo incidiu neste foro na necesidade de aplicar boas prácticas no novo escenario post-Covid-19 para xerar confianza, referenciando as guías con medidas hixiénicas-sanitarias elaboradas pola institución pública á que pertence, e que están dispoñibles de xeito gratuíto para o sector. “Temos que aplicar un conxunto de medidas específicas ante a nova situación, pero non basta con iso, senón que a confianza no cidadán débese xerar aplicando boas prácticas en materia de sostibilidade turística, que é o que dá ese valor engadido ao produto que nós ofrecemos. España está moi ben preparada e as experiencias turísticas españolas reúnen un gran valor engadido, ademais do da felicidade, que é o que nos permite seguir sendo líderes no mundo”, subliñou na conferencia. 

O poñente repasou as ferramentas coas que a Secretaría de Estado establece sinerxías coas empresas, asociacións e entidades público-privadas para fortalecer o tecido turístico español. Por exemplo, os Clubs de Produtos Turísticos de España, que axudan á promoción de produtos autóctonos ao traballar baixo o mesmo paraugas. É o caso da Ruta do Viño, Ecoturismo en España, Saborea España, Cidades Patrimonio da Humanidade ou Turismo de Saúde. Así mesmo, Blanco Portillo expuxo outros tipos de colaboración como a que ten en marcha a Secretaría de Estado para mellorar a sostibilidade do sector de aloxamentos e das praias, tamén a Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, a nova Estratexia de Turismo Sostible 2030 e neste novo escenario, programas de formación para adaptarse á nova realidade. 

Blanco Portillo puxo exemplos de ferramentas coas que xa están traballando vencelladas ás novas tecnoloxías na Rede de Destinos Turísticos Intelixentes, ente ao que a Deputación de Lugo acaba de adherirse. “Estamos ideando aplicacións que permiten coñecer o fluxo dos visitantes e detectar se se producen aglomeracións en tempo real, para así poder actuar en consecuencia e establecer límites de capacidade acordes á realidade de cada escenario, como poden ser as praias ou calquera punto de interese turístico”. 

Nesta primeira xornada tamén participou a deputada de Turismo da Deputación, Pilar García Porto, que aproveitou para reivindicar o traballo do sector da provincia de Lugo nos últimos meses dende que se decretou o Estado de Alarma pola Covid-19 e sinalou que dende as institucións, cada unha na medida das súas competencias e posibilidades, teñen que facer un esforzo para axudarlle á hostalería, comercio e turismo para volver canto antes a unha situación de normalidade. “O sector asumiu o tremendo esforzo que supón encarar un cese practicamente completo de actividade e foi quen de colaborar en accións solidarias como elaboración de menús solidarios ou repartos de comida, demostraron a súa capacidade de resposta para adaptarse ás condicións marcadas polas autoridades sanitarias para cada fase e moitos establecementos forzaron a apertura sen ter garantida a rendibilidade económica, nun desexo de axudarnos a todos e todas a recuperar a sensación de normalidade”, subliñou a Deputada.

Con ese propósito, a Deputación puxo en marcha a campaña EN LUGO, SI. “Un plan que quere fomentar a reactivación activando a confianza. Con accións formativas e divulgativas que sirvan para recuperar a memoria. Porque o certo é que o mellor xeito de escribir o futuro deste sector pasa por ter claro o que o sector xa era: Un sector definido pola calidade, pola capacidade para xerar confianza nos clientes – veciños ou turistas– e pola capacidade de modernizarse ou adaptarse”, asegurou Pilar García Porto.

Os encontros de turismo online da institución provincial terán continuidade noutras catro sesións máis este vindeiro mércores e xoves e os días 15 e 17 de xuño co obxectivo de converterse nun espazo de intercambio de información, análise e debate de opinións e tamén de escoita das necesidades do sector e das súas perspectivas sobre a reactivación turística da provincia.