A película María Solinha percorrerá 100 concellos galegos


A película de Ignacio Vilar María Solinha percorrerá máis de 100 concellos galegos entre os meses de xuño e outubro deste ano e transgredirá as fronteiras autonómicas con representacións en Castela e León e Portugal. Así se puxo de manifesto na presentación que tivo lugar no auditorio de Cangas, vila que, xunto a Redondela, acollerá a estrea da longametraxe sobre a viúva acusada de meiga e símbolo da loita contra a represión das mulleres. 

"Esta historia emociónanos a todas porque é a nosa historia, é a historia das mulleres" manifestou ó respecto a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que asistiu á presentación na capital do Morrazo onde tamén estiveron o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, ademais de todo o elenco da película co director, Ignacio Vilar, o responsable da exhibición, Xoán Mariño, e as actrices e actores Laura Míguez, Grial Montes, Antonio Durán "Morris", Santi Prego e Mabel Rivera. 

A primeira proxección do filme será o vindeiro venres 19 de xuño no concello de Redondela, mentres que o 20 de xuño María Solinha chegará a Cangas. Ambas estreas serán ó aire libre. "A presentación vai percorrer o territorio levando o cinema e a cultura a todos os lugares. 

A dinamización da economía dos concellos tamén se atopa fortemente ligada con esta película. Tanto Xoán Mariño como Digna Rivas e Xosé Manuel Pazos denotaron na presentación a importancia que ten a cultura como sector estratéxico. Xosé Manuel Pazos, ademais, explicou que "a rodaxe desta película xerou riqueza en toda a zona". "A xente da cultura é capaz de reinventarse", apuntou Carmela Silva sobre a capacidade de adaptación do proxecto á nova realidade. Apoiar o cinema que utiliza como lingua vehicular o galego e visibilizar ás mulleres da provincia, á vez que se dan a coñecer os territorios e o patrimonio da provincia son os obxectivos que a Deputación de Pontevedra persegue coa súa colaboración na financiación desta película. 

A longametraxe é unha crónica da imparable enerxía feminina a través da figura de María Solinha, unha viúva de Cangas que sufriu no século XVII en primeira persoa a represión feminina ó ser denunciada por bruxería.