A aposta pola profesionalidade centra a segunda xornada do foro "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo"

Esta mañá celebrouse a segunda sesión do foro virtual "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo" orgnaizado pola Deputación de Lugo, centrado nun debate entre representantes das asociacións galegas de axencias de viaxes, de empresas de turismo activo, de guías de turismo, de albergues privados e da Asociación Provincial de Empresas de Hostalería de Lugo

Un debate no que se puxo de manifesto a importancia de apostar pola profesionalización, as garantías sanitarias e a cooperación coas institucións para promocionar os destinos son claves para a recuperación do turismo, ademais de mostrarse preocupados pola ameaza que supón o intrusismo. 

A encargada de abrir a xornada foi unha vez máis a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que aproveitou para poñer en valor o esforzo e o traballo de todos os profesionais do eido turístico e destacou que nesta crise xogaron un papel difícil e agora deberán adaptarse as novas esixencias. “A provincia de Lugo ata agora contaba con recursos que eran unha opción á hora de viaxar pero hoxe ademais, son unha oportunidade. O valor engadido de ter espazos abertos, produtos de primeira calidade van ser fortalezas dentro do noso territorio e é fundamental a acción dos profesionais. Nestes momentos tan duros non podemos esquecer que a Deputación é a casa de todos os concellos, temos claro que vamos estar aquí para botar unha man. De todo isto podemos saír se temos a capacidade de sumar e non xerar enfrontamentos”. 

O presidente da Asociación Galega de Albergues Privados, Miguel Ángel Rodríguez, sinalou que este é un gran desafío para todo o sector, pero que aínda así estanse formando e preparando con todas as medidas e condicións de seguridade óptimas. “Será necesario tomar medidas extremas, establecendo aforos moi concretos e puntuais, agora mesmo non poderemos pasar do 50% de ocupación para garantir esas condicións”.

Na mesma liña falou o presidente da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, Juan Antonio Ribadulla, que comentou que tras o primeiro mes de estado de alarma comezaron a formarse e a asistir a diferentes webminars. “Parece que o turismo interior de Galicia e España en xeral vai ser o primeiro que se recupere, as axencias estamos preparadas para volver á nosa actividade e atender aos nosos clientes”.

En canto ao turismo activo, o presidente da Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo e Natureza, Agustín Rico, destacou o novo escenario ao que se enfronta este sector e a importancia de traballar de forma proactiva: “A capacidade de adaptación xoga un papel chave porque o escenario cambia de forma continuada. Toca enfocarse no que nos vén, toca clarificar o escenario de xogo e adaptarse de forma operativa onde as administracións e as empresas xogan un papel diferente e cada unha debe xogar o seu”.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, Cheché Real, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación para sacar adiante os diferentes sectores económicos da provincia e avanzou que “se están elaborando, en colaboración coas administracións, protocolos e manuais para identificar as diferentes medidas a seguir, así tratamos de informarnos nós para informar aos clientes”.

Como última poñente participou a representante da Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia, Beatriz Pérez, quen sinalou que os principais obxectivos deste colectivo son a formación e a visibilidade. “Queremos que a nosa profesión se vexa como unha acción integradora, todos temos as mesmas inquedanzas e preocupacións, queremos que se nos vexa como alguén aberto á colaboración. O turismo é colaborar, o sector ten as ferramentas para loitar con un montón de inconvenientes”.