A hostalería reivindica a súa reacción ante a crise na última sesión do foro "Abrindo as portas"

O foro "Abrindo as portas: o rexurdir do turismo" organizado pola Deputación de Lugo chegou ao seu fin este mércores cun foro centrado no sector hostaleiro no que participaron Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo; José Luis Yzuel, presidente de Hostelería de España; e David Domínguez, director de Horeca Data e Proyecto Hostelería Segura. 

A patronal do sector salientou que malia ser dos máis afectados, traballan dende o primeiro momento para implantar protocolos, formarse e adaptar os locais para que os clientes volvan: “Somos o sector que máis felicidade achega e non podemos fallar”.

A xornada foi inaugurada unha vez máis pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, que puxo de manifesto a capacidade da hostalería española para “deseñar campañas de éxito, para innovar na presentación dos produtos ou xerar novas ideas. Dende a Deputación estamos seguros de que a aposta por estes selos de garantía sanitaria contribuirá de maneira notable á recuperación do sector”. Así mesmo, puxo en valor o traballo da hostalería e o turismo lucense de maneira particular: “fan un esforzo continuo por gañar visibilidade e presentar os seus produtos no conxunto do territorio español e é de xustiza recoñecer o traballo da APEHL e de Hostelería de España”. 

Pola súa banda, a patronal da hostalería nacional, representada polo seu presidente, JoséLuisYzuel, alentou aos profesionais do sector a seguir sumando esforzos para devolver a confianza aos clientes. “Estamos na zona cero da pandemia, un dos sectores máis afectados, pero dende o primeiro momento encaramos o problema con seriedade e puxémonos a traballar para implantar protocolos, formar o cadro de persoal e adaptar os establecementos para que os clientes volvan, somos o sector que máis felicidade achega e non podemos fallar”. 

Yzuel tamén puxo riba da mesa a cara solidaria que amosaron os hostaleiros e hostaleiras de España durante os momentos máis duros da pandemia. “Somos un sector solidario e temos exemplos en todas a cidades de España, onde se cociñaron milleiros de comidas solidarias”. E engadiu que “se crearon grandes alianzas entre nós que deben seguir porque xuntos lograremos dar as solucións que a sociedade necesita para volver aos bares e restaurantes con tranquilidade”. 

Neste sentido discorreu a intervención de David Domínguez, director de Horeca Data e ProyectoHostelería Segura. “Lanzamos hai dous meses un sistema integral de preparación gratuíto para esta nova normalidade para actuar ben e aplicando medidas específicas ante o novo panorama. Na provincia de Lugo sumáronse 116 empresas que recibirán unha acreditación e en total, no conxunto de España, formamos a máis de 8.400 profesionais”. 

Cheché Real aproveitou a súa intervención para transmitir o agradecemento do conxunto do sector lucense ás distintas administracións con competencias pola especial sensibilidade amosada nesta situación derivada da Covid-19. O presidente da APEHL quixo ademais recalcar que as pautas deben ser informadas á clientela e criticou que algúns establecementos se presenten como “libres de Covid-19”, cando “iso é imposible e non se pode garantir, temos que actuar ben, seguindo os protocolos para minimizar ao máximo a posibilidade de contaxio”. 

Balance das xornadas

Durante catro sesións de debate e unha conferencia inicial, a Deputación creou a través da canle de YouTube dos Servizos Audiovisuais un lugar de intercambio de opinións e de análise para abordar a reactivación turística da provincia de Lugo. “Reunimos a representantes de máis dunha vintena de asociacións de profesionais e de empresas, da sociedade civil, de entidades que traballan polo desenvolvemento do sector e de organismos oficiais con competencias neste ámbito, todos con moito peso no turismoe que amosaron dende o seu prisma particular as necesidades do sector”, explica García Porto. 

A Deputada apuntou que “percibimos un moderado optimismo, varias asociacións manifestaron que as reservas son tímidas para xullo, pero en maior grao para agosto e setembro, un optimismo que vai ligado á seguridade sanitaria, o tema transversal de todas as citas”. Ademais, quedou palpable que “é preciso establecer colaboracións público-privadas, así se fixo ver, para compartir información e traballar xuntos para harmonizar as ofertas”. 

García Porto salientou que cómpre tamén impulsar a profesionalización do sector, que foi outra das conclusións obtidas: “Pecharlle as portas ao intrusismo non é só unha necesidade económica, senón tamén un modo de contribuír a xerar seguridade entre os clientes”.