A Festa do Viño de Valdeorras convértese este ano nunha gran cata

O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras decidiu reformular este ano a Feira do Viño, que tradicionalmente se celebra a mediados de xullo na comarca. En lugar de que as adegas despreguen os espazos expositores habituais na Praza de Viloira, o que podería orixinar “riscos para a saúde de participantes e visitantes", este ano vaise dar maior protagonismo á tradicional Cata dos Viños de Valdeorras, que ía parella á celebración da Feira. 

Nesta edición, a cata abrirase a todas as adegas da comarca e, posteriormente, cara a finais de xullo promoverase un acto público de entrega de premios aos mellores brancos e tintos. Trátase, en palabras do presidente do Consello José Luis García Pando, “dun acto que, ademais, pretende por en valor o traballo dos viticultores e adegueiros da comarca, que seguiron traballando día a día durante a pandemia por ser parte dun sector considerado esencial e que se celebrará tendo en conta todas as medidas preventivas e de distanciamento social preceptivas”. 

Pleno do organismo aprobou, de xeito provisional, as contas do organismo para 2020, fixadas por riba de 460.000 euros. Ata unha terceira parte do orzamento aprobado destinarase a accións promocionais. 

Se ben, tal e como sinalou o presidente do Consello Regulador, as cifras poderían variar en función de se os ingresos do organismo se ven afectados pola situación orixinada pola Covid-19. Finalmente, na xuntanza deuse tamén o visto bo á integración do CRDO Valdeorras na Asociación dos Consellos Reguladores Galegos, promovida pola Xunta de Galicia.