A Deputación de Pontevedra destina 3,5 milóns de euros a reactivación do turismo

A Deputación de Pontevedra converte ao turismo no eixo central da súa actuación, cun ambicioso plan de reactivación dotado con máis de 3,5 millóns de euros. "Falamos dun plan que dá respostas ás necesidades do sector turístico da provincia ante a importancia de sumar esforzos entre o tecido empresarial e as distintas administracións", asegurou Carmela Silva. 

A presidenta detallou ademais que se trata dunha iniciativa transversal con medidas concretas vertebradas en cinco eixos centrais: aspectos legais e financieiros; prevención, seguridade, saúde e hixiene; dixitalización e competitividade; fomento da demanda de produtos e servizos turísticos e promoción do destino Rías Baixas.

Carmela Silva destacou o carácter "participativo" do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que se involucraron concellos e o propio sector turístico, a través de enquisas, e que se completou coas conclusións da Mesa Provincial de Turismo, coa análise de tendencias e estudos de diferentes organizacións turísticas galegas, nacionais e internacionais, co obxectivo de "coñecer os datos para dar respostas rigorosas e serias". 

En Galicia, onde o turismo representa o 10,4% do PIB, hai máis de 200.000 empresas e 123.722 persoas ocupadas. A presidenta tamén asegurou que na comunidade autónoma é a provincia de Pontevedra "a que ten un maior peso no eido do turismo". En canto ás cifras, a provincia de Pontevedra acolleu, o ano pasado, a 1,7 millóns de persoas viaxeiras das cales o 80,3% eran residentes en España. Neste eido, Silva fixo fincapé na importancia de "dirixirnos aos mercados de proximidade, xa que vai ser a primeira saída para o sector turístico".

No que respecta á incidencia da Covid-19 no turismo, o estudo realizado no marco do Plan de Reactivación do destino Pontevedra provincia, no que participaron 200 empresas das diferentes comarcas da provincia, destaca que o 47% delas tiñan menos de 6 persoas traballadoras; o 86% das empresas tiveron que deter a súa actividade por completa e soamente un 13% puido manter o 25% da actividade; o 29% tivo que acollerse a un ERTE de forza maior e o 25% por causas produtivas.