A Deputación da Coruña coordina a promoción turística cos seus xeodestinos

Esta mañá tivo lugar unha reunión telemática entre a área de Turismo da Deputación da Coruña, dirixida polo tamén vicepresidente, Xosé Regueira, e os representantes dos entes de xestión supramunicipais para poñer en común as novas estratexias e avanzar nas liñas de comunicación conxunta para a promoción turística dos distintos xeodestinos da provincia.

A aposta pola calidade e seguridade ademais do turismo de proximidade e o avance na dixitalización son algúns dos eixos do novo horizonte do sector, que se puxeron de manifesto nunha xuntanza na que se analizaron as novas estratexias que se foron adoptando a raíz da aparición da COVID-19 ademais de distintas liñas de traballo de comunicación conxunta do territorio nas diferentes áreas da provincia da Coruña.

Participaron catorce entes de xestión que son os beneficiarios do programa de subvencións para a mellora de calidade, competitividade e actividades turísticas da Deputación da Coruña avanzaron na xuntanza as principais liñas de actuación para este ano, nas que se atopan distintas iniciativas encamiñadas a facer fronte á crise xerada polo coronavirus que afectou de maneira directa ao sector.

O Consorcio de Turismo da Coruña, a Asociación de empresarios de Camariñas, Asociación sociocultural auga e sal, Asociación da comarca de Ortegal, Incolsa, Mancomunidade de Ferrol, Mancomunidade Arousa Norte, Sociedade Mixta de Ferrol, Asociación de empresarios Fisterra-Muxía, Reserva da biosfera As Mariñas –Betanzos, Asociación de concellos do Camiño Inglés, Ría da Estrela, CMAT, e Mancomunidade de municipios de Ordes son os entes de xestión supramunicipal que operan no territorio e que, maiormente, defenden a aposta polo turismo de calidade e proximidade.

Na reunión, que puxo en común as estratexias de estas entidades turísticas da provincia da Coruña, coincidiuse na importancia da seguridade e da calidade nos destinos, apostando por unha dixitalización da información turística, que complemente os formatos físicos. No ámbito da promoción, centráronse na captación dun turismo máis próximo para a tempada de verán, e a consolidación doutros mercados para comezos do outono, como é no caso de Incolsa, a participación en feiras virtuais de ámbito internacional.

"Nos Foros Covid19 unha das conclusións foi o importantísimo labor que terían que desenvolver os entes de xestión para superar a crise provocada pola pandemia, en especial, como vínculos entre o sector privado e público e desde a Deputación da Coruña queremos contribuír a que esa conexión e traballo conxunto sexa produtivo", destaca Xosé Regueira.

A intelixencia turística tamén se atopará moi presente xa que se desenvolverán, en colaboración coa Universidade da Coruña, estudios para analizar, coñecer e planificar con maior precisión o turismo no territorio. Outro dos eixos centrais da reunión, ademais do traballo en rede entre os diferentes entes, é a mellora da comunicación e desenvolvemento turístico, así como a creación de novos produtos sostibles. Exemplo desta creación no ámbito estatal é, por exemplo, o traballo do Consorcio de Turismo da Coruña para introducir na rede a Ruta Picasso xunto a cidades como Málaga ou Barcelona.

Na xuntanza, os entes adiantaron algunhas medidas concretas como a dixitalización e adaptación e espazos como a creación dun autocine no caso de Arousa Norte que presentará a súa nova imaxe en breve,; o turismo activo mediante rutas de sendeirismo e a potenciación do surf na Mancomunidade de Ferrol, a aposta polo mar e a natureza da Costa da Morte, as rutas de o turismo industrial da Ría de Muros-Noia ou o destaque da artesanía do encaixe e un recurso como é o Cabo Vilán na Asociación de Camariñas. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña