A Coruña blíndase no seu San Xoán máis atípico

A cidade da Coruña é sen súbida un dos referentes na celebración galega do San Xoán, que cada ano reunía milleiros de persoas en torno as fogueiras das súas praias. 

Unha gran festa que este ano non poderá celebrarse, pero que para algúns podería resultar unha tentación demasiado grande. Por iso o concello ten preparado un rigoroso dispositivo de seguridade, pechando as praias dende as nove da noite e controlando os accesos pola tarde para impedir que as persoas baixen obxectos relacionados coas cacharelas. 

O outro dispositivo especial de emerxencia abarcará todos os barrios da cidade para controlar que se cumpran as instrucións descritas no bando municipal e a normativa de prevención da COVID-19. Ademais, os servizos de emerxencia municipais e de Protección Civil revisarán todas as grelladas que teñen autorización por parte do concello. Ata o momento, recibíronse case 300 declaracións responsables de locais de hostalaría e de persoas físicas para realizar churrascadas e sardiñadas na vía pública.

O dispositivo de emerxencia estará formado por preto de 200 persoas, polo que se mantén o número de efectivos das forzas de seguridade municipais pero suprímese o persoal dedicado á asistencia nas praias durante a festa do San Xoán do ano pasado, como é o cadro de persoal da Cruz Vermella, os servizos sanitarios e de emerxencias, 061, o persoal das carpas, profesionais de rescate acuático e socorristas nocturnos.