A Catedral e os albergues do Camiño abrirán o 1 de xullo

A Xunta de Galicia, a igrexa compostelá e o concello de Santiago chegaron a un acordo para abrir de forma conxunta os albergues do Camiño, a Catedral e o Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a partir do vindeiro 1 de xullo, establecendo así unha data efectiva do reinicio da peregrinación xacobea.

O conselleiro confirmou, así mesmo, que os albergues da rede pública cuxa xestión dependa exclusivamente do Goberno autonómico abrirán de maneira gradual, en función da oferta de prazas de aloxamento totais nos albergues de cada concello. Trátase dunha medida suxerida desde os aloxamentos privados que foi analizada cos distintos implicados e que acadou un alto grao de consenso polo seu efecto positivo nas economías locais.

“Todos queremos que os peregrinos poidan volver pronto ao Camiño de Santiago –salientou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez– pero a prioridade absoluta é garantir a seguridade para os que percorren a ruta, e para os profesionais ou voluntarios que están presentes no seu día a día”.

A este respecto, o representante da Xunta sinalou que o manual preventivo para o Camiño esta practicamente rematado, a falta da súa validación definitiva por parte das autoridades sanitarias. Elaborado en coordinación co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE), servirá como protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos, agrupando nun único documento medidas e recomendacións nos diferentes servizos e infraestruturas que o peregrino atopa ao longo do Camiño. Este documento, desenvolvido a iniciativa de Galicia, foi xa posto a disposición do resto de comunidades autónomas no Consejo Jacobeo.