A bimilenaria Muralla de Lugo a espera dos traballos ordinarios de conservación


O Concello de Lugo instou á Xunta de Galicia a limpar a Muralla e cumprir, deste xeito, coa súa obriga de mantemento deste Ben Mundial. Así o informou este xoves a edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, quen avanzou que “no día de hoxe enviamos un requirimento á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para que acometa a realización dos traballos ordinarios de conservación da Muralla”.
Neste senso, a edil lembrou que a Consellería de Cultura e Turismo ostenta as competencias de tutela e protección sobre o monumento bimilenario “que, nestes momentos, presenta un estado moi deficitario con relación ao seu mantemento e aseo dado que a maior parte dos cubos se atopan recubertos de herba, así como dunha inxente cantidade de maleza que, á súa vez, podería ocasionar considerables danos na construción”.
“Sendo conscientes de todas as limitacións que impuxo a declaración do Estado de Alarma e da recuperación progresiva de toda a actividade, tamén no sector público, instamos, dende a institución local, á Xunta de Galicia a iniciar, canto antes, a retirada da vexetación dos lenzos da Muralla, para evitar o seu deterioro contribuíndo, asemade, á mellora da súa imaxe que, estamos seguros, redundará igualmente na percepción do conxunto da cidade”, abondou Paula Alvarellos ao tempo que indicou que a Consellería de Cultura dispón de licenza municipal, outorgada en 2019, para a execución destes traballos por un período de 14 meses polo que aínda perdura o prazo de actuación.
Ao mesmo tempo, dende o Concello de Lugo, a edil tendeu a man e ofreceu “unha absoluta colaboración naqueles aspectos de titularidade municipal nos que a Consellería estime e poida precisar da nosa cooperación”, engadiu.
Alvarellos recorda, ademais, que este ano se cumpre o 20 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o 30 de novembro do 2000. Este recoñecemento supuxo un fito na historia da cidade, pois conseguiu multiplicar de forma exponencial o número de turistas que visitan Lugo cada ano. Cómpre sinalar que se trata da única muralla do mundo que conserva íntegro o seu perímetro.