1M€ para mellorar recursos turísticos no rural en concellos lucenses


A Consellería de Cultura e Turismo vén de notificar axudas por importe total de 1.092.100 euros a 49 concellos da provincia para o desenvolvemento de actuacións de recuperación, accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural.

Estas achegas serven para poñer en valor a riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística destes destinos, que poden resultar estratéxicos e alzarse no novo escenario poscoronavirus como alternativa a descubrir.

A Consellería retomou e reforzou esta liña de subvencións, convocada en novembro e que tivo que ser paralizada pola crise sanitaria da covid-19, incrementando o orzamento e introducindo unha nova fórmula administrativa cos concellos que a solicitaron, pola que pasarán a xestionarse a través de convenios para axilizar a tramitación, pactando os obxectivos das achegas para adaptalos a cada caso particular, garantindo así a súa execución.

Estas medidas enmárcanse no esforzo que está a realizar a Xunta para promover Galicia como destino seguro, no que pode xogar un papel principal a consolidación da oferta turística nas zonas rurais.

O importe máximo da subvención que se aboa aos concellos é do 85 % do investimento subvencionable, co límite máximo de 30.000 euros. Na provincia obtiveron achegas todos os municipios que a solicitaron, e 13 proxectos acceden á contía máxima.

Tipos de actuacións
As axudas para a mellora de infraestruturas turísticas no rural buscan o embelecemento o recurso así como a mellora da contorna, principalmente en aspectos básicos como a accesibilidade e a sinalización.

Así, sufráganse accións como a recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional, iluminación ornamental, miradoiros paisaxísticos, estacionamentos, vías, ocultamento de colectores e cables, e eliminación de barreiras arquitectónicas, entre outras. As obras deben utilizar materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa co contorno en que se atopa o recurso.