O concello de Vigo acaba de anunciar a paralización da licitación dun contrato de promoción turística anunciado en febreiro, que pretendía atraer unha aeroliña internacional e subvencionar voos regulares dende Peinador a Londres e Baleares.
Segundo anunciou o alcalde da cidade, Abel Caballero, a decisión tómase ante a imposibilidade de executar o contrato con normalidade dadas as medidas adoptadas polas autoridades como consecuencia da crise sanitaria. O rexedor insistiu en que "non se dan as condicións de operar, non sabemos cando se vai restablecer o tráfico aéreo nin en que condicións", polo que se suspende a tramitación ata que saibamos que se poden retomar os voos.
Incidiu en que o goberno local “non quere adxudicar un contrato de millóns de euros” que non vai poder ser executado e que podería supoñer un risco de eventuais reclamacións da compañía que resultara adxudicataria
Paralelamente, Caballero tamén anunciou que se está estudando a rescisión do contrato de promoción en vigor con Air Nostrum con voos a Sevilla, Valencia, Londres e París, sen desbotar outras opcións como unha suspensión acordada coa compañía ata que sexa posible retomar as conexións.