Reábrense os mercados de gando en Galicia

Foto: Campo Galego
O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar a resolución que levanta a suspensiónda celebración dos mercados de gando en todo o territorio galego, ao tempo que establece os requisitos e protocolos de seguridade que deberán cumprir durante o estado de alarma, a maiores da normativa de sanidade animal e das competencias que correspondan aos concellos. 

A Consellería do Medio Rural establece as instrucións pertinentes despois de que o Centro de Coordinación Operativa da emerxencia sanitaria acordase o levantamento da suspensión de celebración deste tipo de feiras, tendo en conta a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional en aplicación da fase 1 do Plan de desescalada, que levou á reaperturaen Galicia dos establecementos comerciais minoristas ou dos mercados ao aire libre. 

Así, nos mercados gandeiros que se celebren durante o estado de alarma só poderán participar as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte. Para acreditarse, os operadores comerciais presentarán o correspondente carné, os transportistas a autorización administrativa pertinente, e os gandeiros o documento de cualificación sanitaria da súa explotación, o libro de explotación ou calquera outro documento que identifique a súa actividade. 

A estes efectos, a entidade organizadora da feira deberá realizar un control na entrada principal do recinto, no horario que se estableza, non permitíndose o acceso ás instalacións con posterioridade a ese horario. 

Para evitar a confluencia de persoas, a resolución fixa que as operacións de carga e descarga de gando se deberán realizarde xeito gradual eq ue a entrada ás dependencias veterinarias se levará a cabo de forma individual.A inspección veterinaria do gando realizarase nas condicións que establezan os Servizos Veterinarios Oficiais, a ser posible sen a presenza de usuarios. 

A maiores, todos os usuarios do recinto deberán portar máscara e manter unha distancia interpersoal de aproximadamente dous metros. Nas zonas de acceso e naquelas con maior presenza de persoas, a entidade organizadora colocará ademais dispensadores de solución hidroalcólicaa disposición dos participantes no mercado, así como xabón e toallas desbotables nos aseos.