Pontevedra terá festas de verán e Feira Franca

A concelleira de Festas e Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, confirmou que "en Pontevedra vai haber festas de verán, sen ningunha dúbida". "Teremos unha programación coherente con evitar grandes aglomeracións" matizou Da Silva, quen anunciou que a principal novidade se centrará en habilitar un gran número de escenarios en espazos públicos con actuacións simultáneas por toda a cidade e polos barrios.

A concelleira explicou que nun contexto no que moitas cidades que teñen as festas grandes en agosto, como é o caso de Bilbao, ou en setembro como Valladolid, as están suspendendo, en Pontevedra "nós pensamos que unha cousa é que non se poidan celebrar no formato habitual e e outra cousa é que non haxa festas". 

Neste sentido, insistiu en que se "antes se medía o éxito dunha programación polas miles de persoas que era capaz de congregar nun espazo, e este ano fixemos un esforzo enorme para reprogramalo todo para que o éxito se mida pola variedade de cousas que hai imultáneamente para evitar precisamente as grandes aglomeracións". 

Desde o Concello estudouse o aforo e as distancias en todos os espazos públicos da cidade e dos barrios para habilitar máis de dez escenarios en lugares como Monte Porreiro, O Burgo, Barcelos, San Antoniño, Campolongo, Eduardo Pondal, no Gafos ou en puntos do centro histórico como a Alameda, a praza de España ou a praza da Ferreiría.

A programación de verán comezará a principios de xullo e incluirá opcións para todo tipo de públicos e con variedade de estilos e disciplinas como teatro, música, audiovisual ou maxia. A programación definitiva farase pública en aproximadamente dúas semanas, ao tempo que se traballa na Feira Franca para setembro e para recuperar o Surfing the Lérez nun novo formato este ano.